Servizos de emerxencia, coordinados e profesionais

22

Unha visita da concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva e do xefe de área de Protección Civil de Pontevedra da Xunta, Alejandro Medeiros ás dependencias da Agrupación Local de Protección Civil permitiu falar da necesidade de mellorar a coordinación dos servizos de emerxencia do Concello e da Xunta co fin de dar unha resposta rápida e de calidade a situacións nas que non caben erros ou dúbidas. Ao lado estaban o xefe da Agrupación de Protección Civil, Hermenegildo Novoa e o xefe dos Bombeiros da cidade, Miguel Estévez.

“Hai que mellorar a coordinación dos servizos de emerxencia do Concello e da Xunta sempre seguindo criterios profesionais que son os que saben” subliñou a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva quen tivo palabras de agradecemento e posta en valor do traballo feito por Protección Civil, unha agrupación de voluntarios, “de xente que adica o seu tempo libre e esforzo” a garantir a seguridade e prestar auxilio aos cidadáns.

Carme da Silva informou de que as xefaturas da Policía Local e Bombeiros xunto cos responsables de Protección Civil de Pontevedra están xa a traballar na elaboración dun protocolo de intervención e actuación dos servizos de emerxencia.