Os traballos arqueolóxicos de Salcedo descubren un novo petróglifo

13

Os traballos arqueolóxicos que o Concello desenvolve nos terreos escollidos para situar o campo de fútbol de Salcedo, no lugar de Cabanas, acaban de descubrir un novo petróglifo na zona. É unha combinación de círculos concéntricos (son tres círculos cunha pequena coviña) e a poucos metros unha coviña aillada.

A estas horas xa se limpou toda a superficie de afloramente deste petróglifo sen que aparecese ningún achado novo, e tamén se están a facer catas mecánicas para complementar a intervención e detectar a posible presenza doutros restos vinculados a este petróglifo como cerámica, por exemplo.

Está previsto que mañá rematen os traballos sobre o terreo, no que tamén se fará un levantamento topográfico do achado. E a continuación comezará o traballo de documentación.

Cabe lembrar que nesta zona está catalogado un petrógiflo coñecido como Do Cruceiro/Monte do Castro, que está fóra dos terreos escollidos para instalar o campo de fútbol. Mentres non rematen os traballos dos arqueólogos, non se poderá tomar unha decisión sobre como afecta este achado ao proxecto do campo de fútbol.