Só sete “lombos” de 353 exceden a normativa de Fomento

82

O concelleiro de Mobilidade e Obras, Luís Bará, presentou o informe técnico sobre os redutores de velocidade (lombos) solicitado ao enxeñeiro xefe da OTAP sobre a proposta de modificación de ordenanza municipal de circulación nas vías urbanas do municipio.

Só sete redutores de velocidade dos 353 instalados no concello – o 1,98% do total- teñen un rango de dureza superior á permitida pola Orde de Fomento FOM/3053/2008 do 23 de setembro que regula a instalación dos redutores de velocidade e bandas transversais de alerta en estradas e que a oposición municipal -PP, PSOE, Marea e Ciudadanos- quere ter como norma reguladora na cidade como acordou en pleno. Ademais até 31, e dicir 24 máis, teñen un rango similar.

Os “lombos” que exceden o rango superior á recollida na instrución técnica de Fomento están nas seguintes rúas: Auga, Gorgullón, Antón Fraguas e Alemaña.

É un dos datos recollidos no estudio pormenorizado feito polo enxeñeiro xefe da OTAP que reflicte que o 91,22% dos redutores están por debaixo da norma de Fomento. Entre eles hai 57 cruces elevados e plataforma que quedarían fóra da normativa estatal.

Os outros 212 redutores (lombos) teñen un rango de dureza inferior polo que, segundo o acordo plenario aprobado pola oposición, tamén habería que actuar para axustalos a nova norma.

Habería que facer tamén unha re-sinalización horizontal.

A adaptación de todos os redutores terían un custo de aproximadamente dous millóns de euros:

  • 116.144 euros, a actuación sobre os sete lombos que exceden o rango
  • 127.545 euros, na actuación en 27 lombos que incumpren algún aspecto da normativa
  • 1.001.488 euros, a actuación sobre os 212 redutores con rango inferior
  • 651.202,39 euros, a re-sinalización horizontal

Este informe, xunto co elaborado pola Policía Local e o arquitecto xefe, servirá de base a decisión que tome o Goberno local respecto a aplicación do acordo plenario. Antes agardarán polos informe de Intervención e ditame de legalidade do secretario.

O Goberno local, lembrou o concelleiro Luís Bará, terá a última palabra xa que a proposta plenaria supón un gasto orzamentario e non pequeno xa que ronda os dous millóns de euros.