Enche a rede de de vídeos en galego! Nace Youtubeir@s

162

Nace Youtubeir@s, unha iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de once concellos -A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove- e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

O concelleiro de Normalización Linguística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, estivo hoxe na presentación de Youtubeir@s-Concurso de vídeo na rede que tivo lugar no Salón Reitoral da Universidade de Santiago.

Ademais de Alberto Oubiña Piai, interviron na presentación Ma Pilar Pérez Faxil e Alicia Blanco Sande, concelleiras de Cultura e Educación dos concellos de Teo e da Baña; e Carme Silva, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo. A coordinadora de Youtubeir@s Mónica Fernández Valencia, técnica de Normalización Lingüística no Concello de Ourense, explicou o programa, que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual para potenciar ao papel activo dos youtubeiros e das youtubeiras no uso da lingua galega na Rede.

A presentación dos cursos de formación e do concurso estivo precedida por unha reunión de traballo de representantes destas administracións que persegue concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua.

Youtubeir@s ofrece obradoiros formativos e un concurso:

“Youtubeir@s – Concurso de vídeos na rede” vai dar comezo o vindeiro 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos hase prolongar ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases – dispoñibles na web do concurso (www.youtubeiras.gal) poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña.

Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube.

Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade…).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se han desenvolver de maneira parella ao concurso, estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, o que se busca é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

diptico_def-1