Primeiro lote de compost obtido en Monte Porreiro

23

Os veciños e veciñas de Monte Porreiro recibiron o primeiro lote de compost obtido nos tres centros de compostaxe instalados na zona -rúas Italia e Alemaña e praza Europa- ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Nos vindeiros meses instalarase a compostaxe como sistema de tratamento de lixo en todo o barrio. A día de hoxe, de feito, estase a finalizar a revisión dos datos do plan de residuos que a Deputación está a elaborar para Pontevedra, documento no que se recollerá o número de centros de compostaxe necesarios para atender a produción de residuos orgánicos en Monte Porreiro e no resto do municipio.

O alcalde Miguel Fernández Lores, os concelleiros Carmen Fouces, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña e o vicepresidente provincial, César Mosquera, así como escolares de 3º de Primaria do CEIP Marcos da Portela, participaron no acto no que tamén plantaron catro árbores co fertilizante natural obtido co lixo orgánico que a veciñanza depositou nos últimos tres meses nos centros de compostaxe.

Cumpríanse tres meses e un día dende que comezaron a funcionar os tres centros de compostaxe de Monte Porreiro e segundo os cálculos realizados polos mestres composteiros, os veciños teñen depositado máis de dúas toneladas de lixo orgánico que derivaron en aproximadamente 200 quilos de compost.

Fernández Lores explicou que a instalación dos composteiros en Pontevedra supón un avance substancial na recollida, tratamento e aproveitamento dunha fracción do lixo que supón case o 50% da bolsa de residuos familiar. Tamén subliñou a importancia de evitar a contaminación no transporte e no tratamento en Sogama, así como o descenso do gasto –que cifrou en un millón de euros anuais para as arcas do Concello de implantar a compostaxe en todo o municipio-. Asegurou, de feito, que ese aforro permitirá destinar parte dos cartos a contratar e pagar persoal que se faga cargo dos centros de compostaxe, ademais de aforrar tamén ao aproveitar a materia orgánica como emenda para os solos e plantas. “En Pontevedra, que hai moito monte, moita canteira e moita extensión de terreos aproveitarase absolutamente todo sen custe ningún e con beneficios de tipo social, ambiental e económico”, dixo.

“Este é un proxecto serio, rigoroso e que estamos empezando con moito éxito nas fases iniciais. na cidade, que é un tema máis complexo porque ten que haber unha contabilización e unha planta máis industrial. Estamos contentos de como está a responder a xente, porque a súa colaboración é necesaria para que sexa posible… E penso que a xente está a responder porque está a ver os beneficios”, apuntou.

Após de Monte Porreiro será o barrio de Campolongo o que despliegue os composteiros. Comezará de xeito experimental con dous centros de compostaxe, ao tempo que se instalará un composteiro comunitario no campus uniiversitario. Tamén en Campañó está a funcionar un composteiro comunitario (para grandes produtores).