A Brilat incorpórase ao proxecto da compostaxe do Concello

22

    • Instalaranse uns 10 composteiros na base, que é unha grande productora de residuos orgánicos ao ter cociña propia na que cada día comen ducias de persoas.
    • O Concello tamén está en conversas cos comedores escolares e o Sergas, tal e como xa se fixo co Campus.

A Brilat sumarase ao proxecto de compostaxe que ten en marcha o Concello de Ponteveddra e a Deputación provincial, segundo desvelou esta mañá a concelleira de Servizos, Carme da Silva.

A concelleira explicou que a Brilat dispón dun comedor común para toda a Brigada que ofrece moitas comidas ao longo do día. Ademais, é un gran productor de residuo orgánico porque non ofrece catering, senon que dispón de cociñas propias.

Previa unha conversa do alcalde co xeneral da Brilat, nas pasadas semanas a concelleira de Servizos, Carme da Silva, o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, César Mosquera e o técnico en residuos do Goberno provincial, Carlos Pérez mantiveron un encontro cos mandos responsables desta área dentro da Brigada para presentarlle o proxecto e solicitar que se sumase ante a gran cantidade de residuo orgánico que xenera o seu comedor.

Logo de obter o visto bo dos órganos militares superiores correspondentes, a Brigada confirmou que se suma ao proxecto. Neste caso os traballadores da base serán os encargados de realizar a obra precisa para instalar os composteiros, que os ofrecerá a Deputación. Ademais, tamén disporán de mestres composteiros á súa disposición, aínda que xa lle adiantaron á Deputación que o seu persoal poderarse formar para levar eles mesmos todo o proceso da compostaxe.

Carme da Silva amosouse “encantada” de que a Brilat se sume ao proxecto, xa que supón avanzar moito na proxecto de compostaxe, e a base dispón de elementos beneficiosos para o proceso como moita poda o que fai que haxa moito estruturante para o tratamento do compost.

Aínda que estaría por definir, pero inicialmente está previsto a instalación de dez composteiros.

A concelleira responsábel do servizo de xestión dos residuos urbanos explicou que tamén se manteñen conversas con outros grandes productores, como xa se fixo co campus da Xunqueira. Neste caso está habendo contactos dos mestres composteiros cos comedores escolares da cidade e tamén se están a iniciar os contactos co Sergas, xa que se trata doutro gran productor con dúas cociñas (unha en Montecelo e outra no Hospital).