Xuventude potencia o Local de Música co novo contrato para dar “un salto de calidade”

33

O Concello de Pontevedra quere potenciar o uso e a utilidade do Local de Música, situado na rúa Otero Pedraio ao incrementar en máis de 100.000 euros o orzamento para a súa xestión para os vindeiros seis anos. A Xunta de Goberno Local aprobou onte a licitación por valor de 93.778,90 euros por catro anos -máis dous de prórroga-, é dicir, 562.673,40 euros. Esta contía é sensiblemente superior aos 71.000 euros anuais cos que se xestiona na actualidade.

Con este incremento orzamentario “preténdese dar un salto de calidade e mellorar o servizo”, explicou o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez. Se ben está claro que non se vai a ampliar a instalación (dispón de tres salas de música), preténdese continuar renovando o material que fose necesario, mellorar o mantemento da instalación ao incorporar un dinamizador a tempo completo e, cando menos, un técnico de son a tempo parcial -agora carécese del-; tamén se quere ter un novo plan de xestión cun enfoque metodolóxico do Local, un plan estratéxico que marque os obxectivos, un plan de comunicación, un plan de recursos e unha estratexia de seguimento de tal xeito que se pongan solucións a problemas actuais como a xestión das salas de música (a través das redes, por exemplo).

Ademais, preténdese acadar a profesionalización dos grupos do Local de Música, por iso se lle esixirá á empresa adxudicataria un proxecto específico para dinamizar os grupos de Pontevedra convocando un número mínimo de concertos; elaborando un plan de dinamización de redes ou a promoción da música emerxente, entre outras cuestións.

A aposta da Concellaría de Xuventude polo Local de Música é decidida ante o salto xeneracional que acaba de vivir o Local, e tendo en conta que xa está convertido nun centro de social xuvenil, que ten aspiracións de seguir crecendo na cidade.