Concello e APEC apostan pola rehabilitación e coinciden na necesaria prórroga do actual Plan Xeral

28
    • Apréciase un incremento da rehabilitación na cidade, segundo a asociación da construción.
    • Coinciden nos inconvintes de aprobar un novo PXOM coa lexislación actual, e defenden a xestión co actual Plan

A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva mantivo a pasada semana un encontro coa xunta diretiva da patronal da construción (APEC), encabezada polo seu presidente, José Luís Campos Novo, co propósito de evaluar a situación do sector no concello, e para fixar novas fórmulas de colaboración que permitan un intercambio fluído de información entre ambas institucións.

Carme da Silva explicoulles a aposta decidida do Concello pola rehabilitación como nicho de mercado un elemento clave para o sector, especialmente en Pontevedra, referente internacional como modelo de cidade. Co próposito de favorecer este proceder, o Concello adopta melloras nos procesos de xestión administrativa que permitan axilizar a tramitación das licenzas.

Segundo explicaron no encontro, APEC detectou no ámbito da rehabilitación un incremento da actividade en Pontevedra, polo que o seu presidente José Luís Campos valorou positivamente a redución dos tempos na tramitación das licenzas.

Na reunión tamén abordaron a situación do Urbanismo en Galiza en xeral, e en Pontevedra en particular, coincidindo na inconveniencia de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal para a cidade coa actual lexislación, e seguir xestionando co Plan vixente adaptado ás necesidades actuais.

Carmen da Silva reiteroulles a confianza e apoio do Goberno de Pontevedra ás Pemes construtoras da provincia, que constitúen un tecido produtivo esencial na xeración de emprego e no desenvolvemento do territorio.