O Concello traballa no axardinamento da rotonda da avenida da Estación

60

‣ Tanto o deseño do xardín como as especies que se plantarán recordarán a un cruce de camiños e continuará coas especies da senda do Gafos.
‣ O Concello pretende mellorar a imaxe desta entrada á cidade, unha das máis transitadas ao longo do día

O Concello de Pontevedra traballa nestes días na mellora do axardinamento da entrada á
cidade dende a estrada de Vigo, para que a primeira imaxe que reciban os visitantes que
se achegan á cidade por esta entrada sexa axeitada e bonita. Tamén se pretende mellorar
todos os espazos verdes deste ámbito comprendido entre a rotonda das avenidas da Estación e Josefin Arruti, e o cruzamento da rúa Fernández Ladreda coa avenida de Vigo.
Na rotonda da avenida da Estación estanse a colocar sendas de madeira, decoradas con
arbustos e flor de tempada (rododendros, arces, cornus…), emulando o cruce de camiños
da zona. Ademais da avenida da Estación e de Josefina Arruti, nesta rotonda conflúe
parte do paseo peonil do Gafos así como o estreito camiño a pé que une a rotonda coa
avenida de Vigo. Este cruce de camiños, tamén disporá de arborado seguindo as
tonalidades e as variedades da senda do Gafos, que desemboca nel. Plantaranse freixos
que teñen un cromatismo amarelo ao chegar o outono.
Disposición e exemplares similares terán toda a zona verde que arrodea a rotonda da
avenida da Estación.
Unha vez que rematen os traballos nesta zona, pasarase a traballar na lingua de zona
verde que se creou no cruce de Fernández Ladreda coa avenida de Vigo e a avenida da
Estación. Aquí tamén se empregarán exemplares similares á outra rotonda para manter
unha armonía en todo o entorno.
Paralelamente a Concellaría de Parques e Xardíns está a repoñer planta en distintos
espazos verdes da cidade, especialmente nos barrios, que non mudaran as plantas dende a súa creación. Co paso do tempo, estes espazos vironse moi mermados de planta ben porque morreron ou, incluso, porque foron desaparecendo. É o caso de Eduardo Pondal, Valdecorvos, a avenida do Uruguai, as rotondas da avenida de Compostela e de Alexandre Bóveda. Este é un traballo que se complementa coa instalación de flor de tempada nos parterres habituais.