O Hospital xa forma parte da súa praza

156

Aínda que non está de todo rematada, a obra de integración da fachada do Hospital Provincial na nova praza da zona está resultado todo un éxito. A retirada dos muros, dos valos, os setos… van descubrindo a histórica fachada do Provincial e as súas marabillas ocultas: a estatua de Asorey e o monumental teixo que presiden a fachada do hospital.

O alcalde e o concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará, visitaron a pasada semana o estado das obras aproveitando que o sector da construción parou a execución das obras durante o período de Nadal.

No Hospital están pendentes parte da obra, como a mellora dunha das rampas de acceso á entrada principal e a entrada a Urxencias. Tamén está pendente a instalación de bancos nun dos muros rebaixados e unha intervención de xardinería e limpeza da estátua de Asorei, que agora se pode contemplar sen maior problema.

Os traballos da rúa Javier Puig -tamén nesta zona- quedaron en suspenso durante o Nadal, pero xa está aberta ao tráfico. Quedan pendentes pequenas obras de remate nas beirarrúas, o asfaltado final e os traballos de xardinería coa plantación de árbores acaídos para a zona.