Un proxecto vivo: a rolda Leste, o acceso a Montecelo dende o sur

49

“Manter vivo” o proxecto co fin de que a rolda Leste – o acceso a Montecelo dende a PO-542- sexa unha realidade. Con este obxectivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a presidenta de Deputación, Carmela Silva asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración asinado no seu día polas dúas administracións que prorroga o pacto até o 31 de decembro de 2017.

“Os proxectos do Concello e Deputación son unha realidade. Hai un compromiso firme de avanzar” subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores quen destacou que “ despois do cambio da Xunta respecto ao hospital Monte Carrasco, de decidir retomar o que chaman Gran Montecelo, a rolda Leste cada vez é máis necesaria, falamos da conexión viaria dende o sur da cidade”.

“Agardo que podamos adxudicar a obra no ano 2017” engadiu o alcalde quen definiu a obra como “non excesivamente complicada: dous carrís, cun beiravía amplo para uso de persoas e bicicletas e con varias rotondas a nivel cruzando as estradas de Ponte Caldelas e a interior de Marcón”.

Pola súa banda a presidenta provincial lembrou que “o proxecto anterior non se levou como se tiña que levar. Agora será un proxecto de calidade, tal e como os estamos a facer na Deputación dende que entrou o novo goberno” e destacou que “levamos asinados (co Concello de Pontevedra) un bo número de convenios. Demostramos que as administracións somos capaces de traballar xuntas”.

Pero a mellora da accesibilidade a Montecelo non quedará aí pois como adiantou o alcalde Fernández Lores, “hai un compromiso do Concello e da Deputación tamén de continuar esa rede viaria perimetral arredor de Montecelo – pola traseira do hospital- que garanta o acceso a unha infraestrutura sanitaria que da servizo a 250.000 habitantes”.

Ademais o vicepresidente provincial e concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera anuncio que de cara a 2017 a Deputación tamén pretende colaborar co Concello de Pontevedra na apertura dun novo acceso dende os terreos de Tafisa á UNED en Monte Porreiro. Subliñou que esta actuación xa está moi avanzada, en fase de axuste, e pretende resolver as deficiencias de conexión actuais, con vías sen apenas capacidade para o tránsito de vehículos da zona. “Aplicaremos os criterios de calmado do tráfico, de espazos peonís… Non se trata dunha grande obra para as medras, senón dunha actuación que soluciona problemas, e se ata o de agora non asinamos o convenio para executala foi porque non queremos que pasen cousas como a da Rolda Leste, con problemas no proxecto e de tramitación. Queremos deixar todo atado”, subliñou Mosquera.

addenda rolda leste