O novo contrato da auga incluirá melloras por 30 millóns de euros

35

O Concello traballa intensamente na nova concesión do contrato da auga e saneamento municipal, segundo explicou esta mañá o concelleiro responsábel do servizo, Raimundo González Carballo. Nestes momentos os departamentos municipais traballan no proxecto de explotación do servizo e nos pregos técnicos e administrativos que rexerán o futuro contrato. O actual será preciso prorrogalo tal e como se recolle no documento de denuncia do contrato.

Mentres se concretan todos os datos de licitación, xa se coñece que o contrato vai a incluír melloras por valor duns 30 millóns de euros, ademais das melloras do prezo que presenten os licitadores.

Neste momento, o Concello está a realizar memorias valoradas de obras para incorporar eses 30 millóns. Nestas memorias está previsto completar todo o saneamento do rural; completar toda a rede separativa da cidade (pluviais e fecais), e dotar de auga todo o cinturón periurbano da cidade.

Con estas melloras quedaría cumplimentado todo o saneamento do rural, que se poderían licitar nos tres ou catro primeiros anos de vixencia do novo contrato.

O portavoz do Goberno e responsáble do Ciclo da auga, Raimundo González asegurou que todas as melloras que se incluirán no contrato non revertirán no prezo que os veciños de Pontevedra pagan cada mes.