Estratexia DUSI, primeiros pasos

88

O Goberno local reprogramará os proxectos que acometerá cos fondos DUSI da acordo co criterio “de garantir a maior eficiencia e eficacia na tramitación dos fondos” co fin de non perdelos por trabas ou problemas (urbanísticos, patrimoniais, burocráticos…) que atrasen a execución dos mesmos”, segundo explicou a concelleira de Urbanismo e responsábel da estratexia DUSI, Carme da Silva.

A reprogramación é froito da concesión de 10 millóns de fondos europeos (máis 2,5 millóns aportados polo Concello) en vez dos 18 solicitados nun principio.

Da Silva e os concelleiros responsábeis das distintas áreas implicadas nos proxectos DUSI – +Modelo Pontevedra- mantiveron unha xuntanza para pór en marcha os primeiros pasos. Até finais de febreiro procederase a elaboración do Manual de procedemento e de risco de fraude e farase a reprogramación das distintas liñas de actuación e decidiranse os proxectos. Haberá que elixir entre suprimir ou non algún proxecto, recortar ou non o alcance das iniciativas, asumir ou non con fondos propios do Concello parte do financiamento de algún proxecto…e definir a prioridade das actuacións

Tamén no primeiro trimestre definirase a composición do Grupo de participación urbana que fará suxestións e un seguimento dos proxectos. A participación -lembra a concelleira Carme da Silva- é un dos eixos bases da estratexia DUSI. Neste grupo terán cabida os responsábeis do Goberno local e máis representante das distintas administracións que poidan estar implicadas nos proxectos (Deputación, Xunta, Estado) e portavoces de colectivos cidadáns implicados e afectados nas distintas iniciativas.

Pola súa banda os grupos políticos municipais terán cumprida información e voz sobre a tramitación e desenvolvemento dos fondos DUSI na Comisión municipal de Urbanismo e tamén, xunto cos axentes sociais e colectivos veciñais e cidadáns, no CES.

O Goberno local agarda que no primeiro trimestre do ano se poda ter feita toda a tramitación administrativa e burocrática esixida para dispor dos fondos DUSI consignados para este ano e poder enfrontar a licitacións dos proxectos.

Estratexia DUSI. Goo.gl/APXygy