Hai razóns para dicir Non á prórroga da autorización ambiental de Ence

100

O Concello de Pontevedra remitíu á Xunta o informe/alegacións co que formula o seu rexeitamento á prórroga da autorización ambiental integrada (AAI) do Grupo Ence. A solicitude do informe municipal para lle dar curso ao procedemento de revision da AAI chegara o pasado 26 de decembro, segundo informou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, quen deu a coñecer o ditamen municipal.

Da Silva lembrou que o Concello de Pontevedra ten presentado recurso contencioso contra a resolución de caducidade parcial dos terreos e tamén contra a concesión da prórroga de Ence, ademais de ter formulado alegacións urbanísticas e ambientais de alcance que deixarían fóra da legalidade ao complexo industrial de Lourizán.

No informe de rexeitamento á prórroga da AAI do Grupo Ence faise constar:

Primeiro.- Este Concello rexeita a tramitación da revisión da Avaliación Ambiental Integrada do Grupo ENCE por estimar que o título concesional outorgado en materia de costas atópase caducado na súa totalidade por mor da concorrencia dos motivos que se expresan no requirimento repositorio no seu día formulado fronte á resolución da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar de data 24/07/2015, do que se achega copia, e no recurso contencioso administrativo interposto, tal e como ten rexeitado recentemente diante de Augas de Galicia que a autorización de verteduras, a través do emisario carente de titulo concesional, se faga conxuntamente para as augas residuais urbanas depuradas e as de orixe industrial de ENCE; opoñéndonos, por tales motivos, tanto a legalización do vertido do efluente industrial de ENCE como o inicio do expediente de revisión da AAI.

Segundo.- En todo caso, e sen prexuízo do sinalado no punto anterior e do resultado dos procesos xudiciais que se teñen promovido, este Concello reitera -como ten alegado e reclamado nos sucesivos procesos de outorgamento e renovación da AAI á vista dos informes técnicos municipais, e como ven a recoñecer o Comisario de Medio Ambiente,

Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea- que son de aplicación, ás augas residuais da fábrica de pasta de papel, as disposicións da Directiva 91/271/CE, sobre tratamento das aguas residuais urbanas, ao verter a través dunha instalación de tratamento de aguas residuais urbanas, lembrando que a amentada Comisión considera que ese órgano administrativo como encargado da execución das Directivas mencionadas é o responsable de comprobar as situacións específicas de incumprimentos ao dispor dos medios axeitados par resolver o problema, polo que consideramos que se deberá revisar a documentación que regula os parámetros de vertido, para dar cumprimento á referida Directiva, ás condicións expresas do título concesional e ás mellores técnicas dispoñibles MTD, publicadas o 30/09/2014, entendendo necesaria a achega de documentación acreditativa dos seguintes parámetros:

– O proceso empregado para a fabricación da pasta de papel (ao sulfato, ao sulfito, mecánica, quimicomecánica…), xa que os niveis máximos de emisións asociados ás MTD para a vertedura directa de augas residuais en augas receptoras procedentes dunha planta de fabricación de pasta, dependen dese proceso.

– As Toneladas métricas de pasta secada al aire producidas pola planta, posto que os valores máximos permitidos dos diferentes parámetros contaminantes veñen expresados en Kg/T pasta e non son directamente comparables aos valores da AAI, que veñen dados en Kg/día, nin cos da Lei 9/2010 que están en mg/l.

Terceiro.- Advírtese expresamente que, a tramitación da revisión e calquera variación nas instalacións e no proceso produtivo do complexo, non se compadece e estará condicionada polas determinacións urbanísticas e de ordenación territorial das que para a zona se plasman nas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e no Plan de Ordenación do Litoral (POL), que expresamente prevén o traslado do complexo fabril no horizonte temporal do 2018, e que foron aprobadas polo Consello da Xunta no exercicio das competencias exclusivas recollidas no Estatuto de Autonomía e 148 CE en materia de ordenación do territorio, e que, xunto coas determinacións do Proxecto sectorial, ao que vinculan, deberan ser ponderadas de se continuar co procedemento de revisión.

Cuarto.- Solicítase expresamente, a remisión ao Concello de copia da documentación que teña achegado ou poda achegar no futuro a empresa “ENCE, Energía y Celulosa, S.A.”, ao abeiro do artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo de prevención e control  integrados de contaminación e 16 do Regulamento, incluíndo os resultados do control das emisións e outros datos que permitan unha comparación do funcionamento da instalación coas mellores técnicas dispoñibles descritas nas conclusións relativas a las MTD aplicables e cos niveis de emisión asociados a elas así como os controles o inspecciones que se efectúen por esa Administración Ambiental competente.

Informe ENCE