Comezan as obras de ampliación do parque infantil de Monte Porreiro

51

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de ampliación e reforma do parque da praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, unha das principais demandas das nais e pais do barrio. O orzamento do proxecto é de 39.796,30 euros.

A reforma consiste na ampliación da superficie do parque que se completará cunha parcela de 72 metros cadrados anexa á actual zona de xogos. Retirarase o xogo múltiple e manterase o xogo de cesta que ten na actualidade. Tamén  se resituarán os dous xogos de resorte e se instalarán tres novas pezas de xogo.

A actuación complétase coa mellora do firme, a instalación dun valado novo e unha placa coa normativa das áreas infantís. Tamén se instalarán bancos e papeleiras.

Esta é a primeira das actuacións comprometidas polo concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará cos veciños da zona no mes de novembro, xa que tamén está previsto complementar este equipamento infantil con algún outro deportivo e algunha outra mellora como a iluminación ou a creación dun espazo polivalente para a celebración de actividades festivas, actuacións ou xuntanzas comunitarias.