Continúan as melloras de accesibilidade e seguranza viaria no barrio do Castañal

61
    • Comezaron os traballos de mellora da rúa Mestre Soutullo onde se instalarán tres pasos sobreelevados, completaranse e ampliaranse as beirarrúas, e fresarase e asfaltará toda a rúa

O Concello de Pontevedra iniciou a pasada semana obras de mellora da accesibilidade e seguranza viaria na rúa Mestre Soutullo e nas súas transversais: Gaiteiro Soutelo e Castañal. Estes traballos veñen a sumarse aos que o Concello realizou ao longo do pasado ano en distintas rúas do barrio como Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Forcarei, Amor Ruibal ou o parque de Valdecorvos.

Para mellorar a seguranza e a accesibilidade o Concello instalará na rúa Mestre Soutullo tres lombos, e outros dous nas rúas Gaiteiro Soutelo e Castañal, respectivamente. Ademais está previsto ampliar un pouco a beirarrúa da marxe esquerda de Mestre Soutullo (no sentido da circulación), ademais de completar a beirarrúa ao final da rúa, que carece dela.

Finalmente está previsto o fresado e o asfaltado de toda a vía.

Outras actuacións no Castañal

Estas obras veñen a sumarse a outros traballos realizados a mediados do pasado ano no barrio do Castañal. Pavimentouse as rúas Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas e Forcarei, e instaláronse pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade nestas rúas, así como en Loureiro Crespo.

En Ángel Amor Ruibal fixéronse traballos de reconstrución de beirarrúas, pasos sobreelevados e novas prazas de estacionamento, entre outras melloras.Traballos de seguranza viaria, accesibilidade e calmado do tráfico no segundo tramo da rúa, dende a praza das Regas até o entronque coa rúa Fragas.

Cara final do verán fixéronse labores de limpeza, sostemento e conservación do parque de Valdecorvos, outra das demandas dos veciños na reunión que o concelleiro responsábel de Obras Urbanas, Luís Bará, mantivo coa veciñanza no pasado verán.