O Concello xa ten o proxecto do novo paseo que unirá Pontevedra con Marín

369

O Concello exporá ao público nesta semana o novo proxecto da unión do itinerario peonil entre Marín e Pontevedra que acaba de remitir o Ministerio de Medio Ambiente ao Concello de Pontevedra.

O novo tramo do paseo arranca no remate do anterior (á altura da chamada rotonda de Malvar) e entronca coa actual pasarela peonil de madeira empregada polos mariscadores de Lourizán para baixar á ría. Este tramo de pouco máis de dous quilómetros comeza -dende Pontevedra- mantendo a mesma sección que o actual paseo. Isto implica a eliminación dun carril de circulación, ao igual que o actual paseo, e manter os espazos segregados para peóns e ciclistas. Respecta a mesma estética do paseo actual con iluminación e mobiliario urbano semellante.

Esta primeira parte ten unha lonxitude de algo máis de 1,2 quilómetros de longo e 4,5 metros de ancho, para continuar cunha pasarela voada sobre a ría duns 800 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, de aluminio pero con imitación a madeira. A continuación entronca coa actual pasarela de madeira.

O custe da obra é de 2,6 millóns de euros, segundo recolle a propia memoria do Ministerio e tería unha execución de 9 meses.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera afirmou esta mañá que “esta é unha moi boa noticia para a cidade porque avanzamos” e, incluso, adiantou que ampliar estas pasarelas no futuro non tería especial dificultade xa que se poderían ampliar as plataformas da superficie.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera encargouse de lembrar que no convenio marco que o Concello de Pontevedra asinou co Ministerio de Fomento en abril de 2009 para a execución de distintas infraestruturas no municipio, atopábase a cesión de parte da PO-12 para que o Concello puidese facer o paseo peonil-ciclista da ría (até a coñecida como rotonda de Malvar).

A continuación o Goberno Local reclamou do Goberno do Estado a continuidade deste paseo para unilo co Concello de Marín, recollendo así a multitude de peticións particulares que demandaban dar continuidade ao paseo.