O parque forestal periurbano da Tomba comeza a andar

108

O futuro parque periurbano da Tomba comeza a dar os seus primeiros pasos. A comunidade de montes de Campañó xa puxo os terreos -62 hectáreas- ao disposición do Concello e redactou un primeiro anteproxecto que entregou a administración local.

Hoxe o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, acompañado de técnicos municipais e unha representación dos comuneiros miraron e valoraron no lugar a proposta da veciñanza e o plan de necesidades. A próxima semana comezará o que o concelleiro definiu como “traballo de gabinete” co fin de concretar a proposta e abrir a porta a elaboración do proxecto definitivo e do proceso de licitación.

“Vai a ser o souto máis grande da provincia se non de Galiza” indicou Demetrio Gómez quen lembrou que o uso social -de lecer- que vai a ter o parque forestal periurbano de será compatible co explotación produtiva do monte: castañas, aceite – haberá unha plantación experimental de oliveiras-, aproveitamento madeireiro, etc.

O parque do monte de A Tomba -tamén chamado Montecelo- esta só a 4 km da praza da Peregrina e terá máis de 15 km de sendas peonís, con amplos tramos aptos para a práctica do ciclismo non deportivo.

Demetrio Gómez subliñou que o parque periurbano da Tomba “é un exemplo de política forestal para o país: un monte biodiverso, con plantas autóctonas, produtivo, socialmente recuperado”. Tamén, engadiu o concelleiro do Rural, na zona hai elementos patrimoniais que se porán en valor e non se pode esquecer o papel determinante que xoga un monte coidado na prevención de lumes forestais.

O proxecto ten por dante un camiño de arredor de dous anos. Nunha primeira fase – feita a tramitación administrativa- procederase a limpeza e eliminación de especies invasoras e a preparación das pistas e sendas. A segunda fase será a de plantación.

O Concello prevé un investimento de 440.000 euros (aprox) nos próximos dous anos. Pola súa banda os comuneiros cederán os terreos por un tempo inicial de 30 anos.

A Tomba

O futuro parque forestal da Tomba ocupará 62 hectáreas e contará con 17 quilómetros de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo.

O novo parque periurbano terá: 22 hectáreas de souto, 20 ha. de frondosas (castiñeiros e carballos) 3 ha. de oliveiras e 15 hectáreas de bosque mixto.

Na parte alta terá un miradoiro sobre Pontevedra.

A Comunidade de montes de Campaño vai un paso máis alá e xa está a estudar a apertura dun sendeiro peonil que conecte a Xunqueira de Alba con Campañó. Neste senso pensan en posibles solucións para salvar a autoestrada (un paso soterrado) e a estrada de Vilagarcía (cun paso elevado).

O parque forestal periurbano da Tomba será o terceiro do Concello após de O Pontillón e A Fracha (en fase de redacción do proxecto). É o máis próximo a cidade: a 4 km de distancia da praza da Peregrina.