V Certame de Relato Curto. Participa!

110

Fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as e crear un espazo común e familiar para a creación literaria. Son os obxectivos que hai detrás da convocatoria do V Certame de Relato Curto que promove a FANPA-Pontevedra e no que colabora o Concello, a Deputación e a editorial Kalandraka. O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, lembrou que o Concello participa no certame dende o primeiro día e subliñou o carácter familiar do certame.

UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións. Mostra o que ocorre e ensina a historia a través da acción estruturada en tres partes (introdución, nó e desenlace) deixando ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado.

O prazo para a entrega de relatos rematará o próximo 28 de febreiro. Poden presentarse os alumnos e alumnas dos centros educativos públicos da provincia. Hai catro categorías: Primaria, Secundaria, Bacherelato/Formación Profesional e Adultos. Haberá 120 finalistas e este ano como novidade, subliñou o presidente da FANPA, inclúese o premio dun obradoiro literario para os autores/as dos 20 mellores relatos.

Díptico e Bases do Certame