Lores pide que se axilice “dentro do posible” o proxecto Hospital de Montecelo

29

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, coñeceu a equipa que redactará o plan funcional do futuro Gran Montecelo (Hospital Único) no transcurso dunha xuntanza convocada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña na sede administrativa da Xunta, en Campolongo.

Á reunión asistiron tamén alcaldes e concelleiros de varios concellos da área asistencial Pontevedra-O Salnés e representantes dos distintos colexios profesionais vencellados á sanidade (Médicos, Enfermería e Fisioterapia).

O conselleiro de Sanidade e os redactores do futuro plan funcional fixeron un chamamento á participación, convidando aos presentes a facer suxestións e as achegas que consideren convinte. O mesmo convite que fixeran momentos antes aos representantes das asociacións e colectivos veciñais.

Miguel Fernández Lores ofreceu toda a colaboración para sacar adiante o proxecto e pediu que se axilizara “dentro do posible”. Puxo a énfase na necesidade “definir e planificar con claridade” o que se vai a facer pois falamos do reto de atender as necesidades asistencias da poboación da área sanitaria de Pontevedra nos próximos 30 anos.

Hai que ter en conta, apuntou Lores, o número e características da poboación que se vai a atender e tamén engadiu que “á hora de definir as necesidades do futuro gran hospital de agudos de Pontevedra se teña en conta e se implemente a Atención Primaria ou que se aborden as necesidades dos pacientes crónicos”.

O alcalde confía na equipa redactora e nos  profesionais á hora de valorar e definir a futura carteira de servizos e asistencial. “Son eles os que teñen que falar de que servizos son necesarios, viables.. eu o que podo e facer suxestións e axudar en cuestións relativas a infraestruturas, etc”.

O proxecto de Gran Montecelo -que xubila definitivamente o proxecto de Monte Carrasco- comeza a dar os primeiros pasos. Se todo saíse como debera, en 2019 deberá estar en marcha a ampliación do hospital pontevedrés, o futuro gran hospital de agudos da área sanitaria norte da provincia, según as estimacións apuntadas polo conselleiro Vázquez Almuiña.