A lingua ligada a Pontevedra e a Castelao

149

A Casa da Luz acolleu a presentación da publicación Meu Pontevedra. Camiñando con Castelao que sae a rúa cunha tirada de 3.000 exemplares. No acto o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, estivo acompañado polo deputado provincial Xosé Leal e os autores da publicación: Roberto Rivas e Ana Seoane (ilustradora)

O concelleiro de Normalización Lingüística subliñou a importancia de Pontevedra dentro do pensamento política e da arte de Castelao: “Foi fundamental na súa vida e aquí desenvolveu o seu traballo e a súa labor política do Partido Galeguista, esencial para a Historia do noso País”.

A nova publicación é unha guía para agasallar ás persoas que veñen coñecer a Pontevedra vinculada con Castelao. Os contidos da publicación recollen as explicacións que se dan durante as camiñadas de hora e media cos grupos; o percorrido comeza na praza de San Xosé e remata na praza de Santa María. As quince paradas, que inclúen a Sala Castelao do Museo e a visita ao interior do Café Moderno, achégannos á historia da lingua e á historia de Galiza do primeiro terzo do século XX.

Tanto a guía impresa como o percorrido polas rúas e prazas buscan dar a coñecer a historia da lingua ligada á cidade de Pontevedra e á figura de Castelao, para dinamizar o uso da lingua a través do coñecemento da nosa historia e do orgullo polas nosas raíces.

A publicación -editada polo servizo de Normalización Lingüística do Concello e impresa pola Deputación- dispón dun código QR ligado á web para obter máis información.