A web de Pontevedra, a máis transparente de Galiza

42

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores recolleu  en Santiago o diploma que acredita á web municipal como a máis transparente de Galiza, tal como recolle o índice Dyntra. Este recoñecemento é compartido co Concello da Coruña, que ata onte ía por debaixo do de Pontevedra pero que a pasada noite actualizou os seus datos para escalar algunha posición o que lle permitiu empatar coa cidade do Lérez.

Ademais de agradecer este diploma, o alcalde de Pontevedra dixo que para el a transparencia é moito máis que os índices publicados no web, xa que o goberno de Pontevedra “non é agora máis transparente ca antes”, ao que engadiu que os novos instrumentos web permiten unha maior facilidade para acceder aos datos, pero que en ningún caso a transparencia é un antídoto contra a corrupción, como algúns sosteñen: “estou seguro que a Declaración da Renda de Bárcenas non inclúe nada do que se está a ver”.

“A confianza dos cidadáns nas institucións ten moito que ver coa credibilidade e con cumprir a palabra dada nos procesos electorais” engadiu Miguel Fernández Lores, quen dixo que os bos resultados municipais en materia de transparencia web tiñan que ver máis co proceso de asignación de recursos para desenvolver o portal de transparencia que coa moita ou pouca vontade dos responsables: “nós eramos absolutamente transparentes e seguiremos a selo”.

Xunto a Lores participaron no acto os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro e Ourense, Xesús Vázquez, así como a Valedora do Pobo, Milagros Otero. Noutra mesa previa, participaran representantes da Fegamp, da Xunta de Galicia e do Consello de Contas e varios profesores da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, relacionados con esta área.

Pontevedra e A Coruña encabezan o ranking galego seguidos de Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol e Santiago, nunha relación de 33 concellos de máis de 15.000 habitantes que pecha O Porriño.

Foi Juan Manuel Rúa, responsable de Dyntra, quen explicou o procedemento desta análise das web municipais que se fixa en 147 indicadores para comparar as páxinas de numerosos organismos públicos de todo o estado e de varios países latinoamericanos.

Índice en www.dyntra.org.