Lores e Feijóo avanzan nos compromisos a prol de Pontevedra

69

“Confírmanse os proxectos comprometidos con Pontevedra”. Deste xeito resumiu o alcalde Miguel Fernández Lores a entrevista mantida hoxe co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A partir de agora dende a Alcaldía intensificaranse os contactos coas consellerías implicadas comezando polas de Política Territorial, Medio Ambiente e a Secretaría Xeral de Deportes.

“Hai un pequeno cambio de actitude da Xunta respecto a Pontevedra” recoñece o alcalde que agarda que leve a un incremento da colaboración entres as dúas administracións. “Nós procuramos ser o máis pragmáticos posible”.

Entre os temas abordados na reunión Lores-Feijóo están os seguintes:

– Montecelo. Xa en marcha o Plan funcional do futuro Hospital Único de Pontevedra (Gran Montecelo), Feijóo apuntou a intención da Xunta de elaborar un prego de condicións conxunto para acometer o plan sectorial e o proxecto básico e construtivo o que podería permitir a contratación neste ano 2017 e un ano máis tarde, a finais do 2018 a licitación a construción. O Concello avanzará mentres tanto na implementación dos servizos, expropiacións e vías perimetrais. “Quedan atrás as dúbidas e o pantasma de Monte Carrasco”, subliña Fernández Lores.

– Variante de Alba. A Xunta está a avaliar e incorporar a modificación formulada polo Concello para garantir a seguridade dos tráficos peonís e ciclistas, “crucial en San Caetano ao paso do Camiño de Santiago”.

– Edificio de Benito Corbal (antiga sede administrativa da Xunta). Feijóo confirmoulle a Lores que o proxecto de reforma e rehabilitación do inmoble sairá a licitación este ano 2017. Unha actuación que terá un custe de 3,7 millóns de euros e que permitirá a ocupación das súas dependencias por servizos de Emprego da Xunta, a Universidade (Campus Crea) e asociacións veciñais e colectivos sociais.

– Estación de autobuses. O alcalde explicou que a Xunta enviará ao Concello un protocolo de colaboración co fin de facer unha actuación integral na terminal de buses de Pontevedra que podería incluír: a conexión peonil coa estación de tren, a conexión viaria coa avenida Josefina Arruti, a mellora do aparcamento de servizo da estación e unha rehabilitación integral do edificio da terminal.

– Pavillón de ximnasia da Parda. A Xunta está disposta a colaborar no financiamento do pavillón de ximnasia (apto para competición) anexo ao futuro polideportivo de A Parda, nun 50% O xeito de artellar esta colaboración ten que ser consensuado nun protocolo que hai que estudar.

– Implementación da composta como sistema alternativo de recollida e tratamento de lixo. Neste caso abriríase unha nova vía de colaboración co Concello, porén o presidente da Xunta só deu luz verde a estudar unha posible colaboración.

Como non podía ser doutro xeito o temporal que está a vivir Galiza nas últimas horas estivo tamén presente na conversa do alcalde e o presidente da Xunta. Foi da man dunha vella demanda do Concello de Pontevedra: a procura dunha solución definitiva para a cuberta da ponte da Barca, que sofre danos con moita frecuencia cando arrecía o vento. Esta mesma madrugada a caída de parte da cuberta sobre a autoestrada obrigou a pechar durante dúas horas un pequeno tramo da AP-9.