Queres ser Youtubeir@?

139

O Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo presentaron hoxe os cursos de formación práctica para Youtubeir@s, o concurso de vídeos para potenciar a presenza do galego na Rede. A presentación tivo lugar na Casa das Campás.

Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra e Manuel Morquecho, director da área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra presentaron os seis cursos prácticos de formación que comezan esta semana en Pontevedra. “O obxectivo prioritario é encher a rede de vídeos en galego. Facelo dun xeito dinámico e entretido, proporcionándolle máis valor á lingua en todos os niveis: aprendendo a facer manualidades, proporcionando puntos de vista sobre temas, axudando con titoriais…”. Ademais, tamén indicou que “existen dúas categorías, vídeo-facermos e vídeo-opinarmos, dotados con premios de 1000€, así como catro mencións honoríficas de 500€, todas elas consultables na páxina www.youtubeiras.gal”.

Os obradoiros constan de vinte prazas e dúas sesións. Na primeira sesión formativa, unha hora de duración, abordaranse os consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles e consellos para transmitir as mensaxes no vídeo (guión). Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editarase o material e aprenderase a subilo a YouTube. Entre ambas as dúas sesións sempre hai unha semana durante a que o alumnado poderá traballar nos seus vídeos, con asistencia en liña para calquera dúbida que poda xurdir ata antes da segunda sesión formativa.

En Pontevedra haberá seis obradoiros formativos organizados pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra:

Obradoiro 1. Mércores: 8 e 15 de febreiro, na facultade de Ciencias da Comunicación- UVigo. 8 de febreiro de 18 a 19 h e 15 de febreiro de 18.30 a 20.30 h. Inscrición previa en anl@uvigo.es ou no teléfono 986 813 574

Obradoiro 2. Mércores: 8 e 15 de marzo; na Casa das Campás-UVigo; 8 de marzo de 19 a 20 h e 15 de marzo de 19 a 21 h. Inscrición previa en anl@uvigo.es ou no teléfono 986 813 574

Obradoiro 3. Luns: 13 e 20 de marzo. Centro social do Gorgullón, rúa da Curtidoira; luns 13 de marzo, de 19 a 20 horas, e luns 20, de 19 a 21 horas. Colabora a asociación de veciños Eduardo Pondal. Inscrición previa en www.pontevedra.gal/ youtubeiras/

Obradoiro 4. Xoves: 30 de marzo, de 18 a 19 horas, e xoves 6 de abril, de 18 a 20 horas. Casa da Cultura de Lérez, rúa Leandro del Río, núm. 12. Cómpre levar ordenador portátil para a segunda sesión. Colabora a asociación de veciños San Bieito de Lérez. Inscrición previa en www.pontevedra.gal/youtubeiras

Obradorios para alumnado dos IES de Pontevedra (xa completos):

Obradoiro 5. 15 e 22 febreiro (mércores), ás 16 horas. IES Sánchez Cantón, alumnado de 1o e 2o de bacharelato. 15 de febreiro ás 16 horas, sesión de 60 minutos, e 22 de febreiro ás 16 horas, sesión de 120 minutos.

Obradoiro 6. 16 e 23 de febreiro (xoves). IES Torrente Ballester, alumnado de 4o ESO. 16 de febreiro ás 9.20 horas, sesión de 60 minutos, e 23 de febreiro ás16 horas, sesión de 120 min

Requisitos para participar nos cursos: inscribirse no formulario web www.pontevedra.gal/youtubeiras ; ter máis de 14 anos, levar un dispositivo que grave vídeo: teléfono móbil, tableta ou cámara e un ordenador portátil para a segunda sesión do obradoiro 4. Establécese un máximo de 20 persoas en cada obradoiro e un mínimo de 5 persoas inscritas para a realización do/s obradoiros tres días antes da data.

As accións formativas estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas búscase achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Máis información: Concello de Pontevedra, Servizo de Normalización Lingüística 986863157 normalizacionlinguistica@pontevedra.eu

Ata o 28 de abril está aberto o prazo para presentar vídeos a Youtubeir@s. Concurso de vídeos na rede. Segundo se recolle nas bases dispoñibles na web do concurso www.youtubeiras.gal poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña.

Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade…).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.