O Concello alerta á Xunta sobre o perigoso deterioro da ponte da Barca

61

A situación da cuberta da ponte da Barca é “desastrosa” e se ven un novo temporal o Concello veríase obrigado a pechala para garantir a seguridade das persoas. Esta constatación, avalada por un informe técnico dos Bombeiros, foi comunicada á Xunta de Galicia cunha recomendación expresa de “actuación urxente”, segundo informou hoxe o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

“Agardamos que a Xunta, que ten as competencias sobre a ponte da Barca, actúe de en breve” sinalou o concelleiro quen engadiu que “se hai outra borrasca pecharase” xa que existe un risco real de novos desprendementos que porían en risco a seguridade das persoas e da circulación de autoestrada que pasa por debaixo.

Na última vaga de temporais, o vento levou por diante parte da cuberta da ponte (tramo da PO-531 que une Pontevedra e poio) como queda acreditada polas catro intervencións de emerxencia dos bombeiros pontevedreses por desprendemento de material construtivo.

O informe técnico asinado polo xefe do servizo de Extinción de Incendios e Salvamento expón polo miúdo as deficiencias detectadas que son as seguintes:

– a estrutura en madeira que conforma as marquesiñas peonís das marxes da ponte, atópase en estado precario, presentando diversas patoloxías producidas por axentes abióticos.
– os elementos de iluminación das marquesiñas están deteriorados case na súa totalidade, representando un risco de desprendemento e de electrocución

– as pezas metálicas que compoñen a cuberta das marquesiñas das marxes da ponte presentan un estado inestable.

– algunhas das pezas que non representan risco de desprendemento xa foron tratadas e fixadas do mesmo xeito por este servizo en diversas ocasións en anos anteriores. Polo tanto, trátase da adopción de medidas de urxencia de xeito reiterado provocado principalmente por falta de mantemento da infraestrutura

Diante desta situación e co fin de garantir a seguridade cidadá entre os temos municipais de Pontevedra e Poio sinala:

– a necesidade de inspección urxente por parte da administración correspondente

– inicio dos traballos de fixación de urxencia do material inestable e a interrupción do paso peonil se non é posible garantir a seguridade dos usuarios.

– os traballos de substitución, consolidado e rehabilitación necesarios en procedemento urxente

Informe Ponte da Barca