Traballos de seguranza e mantemento na contorna dos tres cedros das Palmeiras

19

    • Durante un tempo o espazo permanecerá valado para garantir a seguranza no parque, e se traballa co propósito de conservar todas as árbores que se poidan.

O Concello de Pontevedra está a realizar tarefas de limpeza, mantemento e seguranza na contorna dos tres cedros do parque das Palmeiras que se viron seriamente danados nos últimos temporais.

En coordinación coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, o departamento de Parques e Xardíns está a realizar tarefas de seguridade nestas árbores senlleiras e catalogadas para evitar futuros desprendementos de ponlas. De feito, houbo que podar algunhas partes de ramas para evitar que caíran sobre parque.

A prioridade do Departamento é deixar o ámbito seguro e valado para evitar futuros problemas, especialmente tendo en conta de que están anunciadas novas chuvias fortes nos vindeiros días.

Parques e Xardíns traballa, da man coa Xunta, coa intención de tratar de conservar todas as árbores que se poidan, pero valoración final aínda está por pechar.