Entra en contratación a remodelación da Ponte do Burgo por 1,8 millóns

381
    • Está prevista a creación dunha plataforma única de pedra na ponte e unha gran praza na cabeceira norte.
    • Eliminará a rotonda en Domingo Fontán para darlle continuidade á vía cara Xoán Manuel Pintos

O proxecto de remodelación da Ponte do Burgo xa está no servizo de Contratación. O concelleiro de obras, Luís Bará anunciou esta mañá que ten un custe total de 1.853.046 euros e que se trata dun dos proxectos centrais do mandato que pretende recuperar o espíritu peonil da Ponte do Burgo, coa creación dunha gran praza na cabeceira norte ao eliminar os tráficos rodados na zona, agás a continuidade da vía Domingo Fontán e Xoán Manuel Pintos.

A actuación na Ponte do Burgo divídese en tres áreas: a cabeceira sur (fronte ao xacemento de Valentín García Escudero), a propia ponte e a cabeceira Norte (no barrio do Burgo). En total é unha actuación de 6.758 metros cadrados divididos en:

    • 836 metros cadrados: cabeceira sur
    • 1.780 metros cadrados: ponte
    • 4.141 metros cadrados: cabeceira norte

Na cabeceira norte, está previsto realizar un gran paso de peóns que una o Camiño de Santiago, xunto ao xacemento de Valentín García Escudero, coa Ponte do Burgo que será totalmente peonil.

Na propia ponte proxéctase unha plataforma única de lousas de pedra de gran tamaño para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago e outra na varanda lateral que tamén será rasante. Tamén está prevista a iluminación artística dos arcos da ponte.  Ademais, substituirase a varanda actual por outra metálica galbanizada e sinxela.

A cabeceira norte vivirá unha total transformación que eliminará a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán. Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con arborado, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da Ponte do Burgo pero con lousas de granito.

O orzamento total é de 1.853.046 euros (incluídos impostos e beneficios industriais), aínda que o desglose da intervención (sen impostos) é:

    • 67.280 euros (a cabeceira sur)
    • 640.115 euros (a ponte)
    • 579.532 euros (a cabeceira norte)

O prazo de execución previsto neste proxecto básico é de 1 ano. O Concello xa enviou o proxecto a Patrimonio da Xunta, para obter os permisos necesarios, aínda que xa existen conversas previas sobre este proxecto.

Luís Bará explicou esta mañá que quedan fóra da reforma a estación de servizo de Burgo, dado que a concesión desta empresa remata no ano 2018 e podería incluírse no ámbito de actuación unha vez que remate esta licenza. E tamén quedan fóra os terreos de Costas que agora se empregan como estacionamento.

O proxecto inicial tamén contemplaba solucións para estes dous puntos na cabeceira norte, que se optou por non incluír no proxecto para evitar demoras e ir traballando na parte que si se pode executar. En ambos casos, recuperábase o espazo como praza pública, aínda que nas parcelas de estacionamento se reservaba como zona de aparcamento pero con outra distribución.