Merendando Contos, as actividades previas do Salón do Libro nas librerías

51
  • Diferentes librarías da cidade recibirán as 18h a visita do Lobo Orbil e contacontos gratuito para público familiar.
  • Xarope Tulú, Trinke Trinke, Bea Campos, Carballo con Botas,  Pavís Pavós, Raquel Queizás, Andrea Bayer e Polo correo do vento serán os contadores/as.

 Un ano máis o Salón do Libro quenta motores e programa para os días previos á súa inauguración a actividade ‘Merendando Contos’.  O espazos escollidos para fomentar a lectura e alimentar a imaxinación dos máis pequenos/as son diferentes librerías da cidade, que recibirán as 18h a visita dun/unha contacontos. A mascota Orbil fará acto de presencia de xeito previo ao inicio da actividades sempre que a climatoloxía e a súa apretada axenda o permita.

O luns 27, a Libraría Clip (Galerias Oliva 6, Local J), recibirá ás 18h a visita do Lobo Orbil e a partir do martes 28 – con descanso o mércores 29 (festivo de Entroido) e o domingo 5 – todos os días ata o xoves 9 incluido, haberá contacontos as 18h.

Martes 28 de febreiro na Libraría Pataka Frita (Rúa José Adrío Barreiro nº 3)

Xarope Tulú fará as delicias dos pequenos/as con ‘Estrafalaria’.

Alicia collera por costume, escorregar por calqueira buraco, sen importarlle o profundo, escuro ou sinuoso que fose.  A Carlota, deráselle por escoller o seu camiño e embarcarse en aventuras emocionantes que nada tiñan que ver coas dunha princesa. A avoa e papá dicían que as miñas amigas eran estrañas. Mais eu sempre pensei que iso de ser estraña é moi relativo. Que dis, apetéceche escoitar as nosas rarezas?

Xoves 2 de marzo na LibraríaXoguetería Estrellas o Limones (Marqués de Aranda, 3)

‘Os ratiños da caixa’ chegan da man de Trinke Trinke.  O Rato Fuco trae á nunha caixa os tres ratiños mais novos de Lonxedetodo. Son moi trastes e desobedentes e tenos que coidar, pero non é doado!. A contada estará inspirada en ‘Contos de ratiños’ de  Arnold Lobel (Kalandraka, 1999) e ‘Sopa de rato’ de Arnold Lobel (Kalandraka, 2004).

Venres 3 de marzo na Libraría D-Lectum  (Rúa Rosalía de Castro, 14)

A voz de Bea Campos e a música de Davide Gonzalez darán vida a ‘Un mundo cheo de contos’. Divertida sesión na que se integran música en directo, literatura infantil e expresión dramática. Un mundo de sementes máxicas, árbores xenerosas e nenas curiosas.  Un espazo onde  gozar en familia de historias para coidar da terra e das persoas que habitan nela.

Sábado 4 de marzo na Libraría Nobel (Rúa Cobián Roffignac, 1,)

O Carballo con Botas conta porque ‘Os libros son os ximnasios da imaxinación’: “Cada vez que lemos un conto, cada vez que escoitamos unha historia, a nosa imaxinación ponse chandal e zapatillas deportivas e empeza a facer ximnasia. Imos facer con estas historias un pouco de ximnasia ca imaxinacion (podedes traer chandal e zapatillas)”

Luns 6 de marzo na Libraría Aviones de Papel (Rúa Andrés Mellado, 7)

‘Contos que deixan pegada’ da man de Pavís Pavós é unha sesión de contos tradicionais e de autor baseada na palabra e contando nalgún caso co apoio do libro Historias que farán reflexionar sobre o mundo que queremos e deixarán unha pegada en quen as escoite.

Martes 7 de marzo na Libraría Cronopios (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5)

‘Vén a Conto’ e a invitación de Raquel Queizás a participar da súa historia: “Conto se chama esa vila na que eu moro, onde os paxaros libro me contan historias para vencer a soidade, para resolver conflitos de forma positiva, para gañar amigos e perder inimigos. Todas e todos merecemos unha oportunidade para ser mellores”

Mércores 8 de marzo na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29)

Andrea Bayer construirá ‘Un mundo redondo para contar contos’. Para mudar o mundo  é preciso escoitar historias e contos de aquí e de máis alá, historias de animais pequenos con grandes desexos, contos de viaxes sen equipaxes. Andrea ea, ea, ea será quen de levarnos de viaxe sen movernos do sitio a lugares lonxanos e non tan afastados.

Xoves 9 de marzo na Libraría Seijas (Av. de Vigo, 13)

O ‘Periplo Atántico’ de Polo Correo do Vento é unha interpretación moi libre do “Panchito” de Castelao e narrará as aventuras dun pingüín galego que viaxa á Antártida. Como vén sendo habitual, irá acompañado dun obradoiro de debuxo.