Os DUSI contribuirán á loita contra a violencia machista

58

O compromiso do Concello coa loita contra a violencia de xénero e a prol da igualdade quedará reflectido tamén no reparto dos fondos DUSI. Unha partida orzamentaria significativa adicarase a facer “unha diagnose ampla e rigorosa” sobre a situación da violencia machista e do nivel de igualdade da sociedade e definir propostas de actuación, segundo sinala a concelleira de Igualdade, Carme Fouces.

Acometerase unha avaliación profunda sobre o momento actual da violencia de xénero na contorna e a situación da muller en distintos eidos: laboral, social, educativo, político…

Farase tamén unha análise sobre o proceso polo que transitan as vítimas da violencia machista para facer fronte a súa situación, detectar erros e facer suxestións para facerlles máis doada a difícil e complexa situación que están a vivir.

A análise incluirá unha completa avaliación sobre o impacto das políticas de igualdade desenvolvidas nos últimos anos e propostas para avanzar neste eido.

8 DE MARZO

Por outra banda a Concellería de Igualdade xa ten feita a axenda dos actos do 8 de Marzo que se desenvolverán en varios días.

Venres, 3 de marzo

9.00 horas. Reunión da Mesa da Violencia. Alí estarán representantes da Policía, Sanidade, Punto de Encontro, Concello e agárdase que asista algún representante da Xustiza, administración convidada que nos últimos tempos rexeitou participar neste foro.

A concelleira Carmen Fouces agarda que nesta ocasión participe na Mesa pois lembra o papel fundamental que xoga a Xustiza na loita contra violencia machista e a necesidade de traballos xuntos nunha mesma dirección. “É unha peza clave”.

Luns, 6 de marzo

Reunión conxunta do Consello da Muller e do Consello da Muller Nova. Farán un balance e debaterán sobre propostas de futuro que contribúan a acadar a igualdade real

Mércores, 8 de marzo
Conferencia da científica Joana Magalhâes –  https://es.linkedin.com/in/joana-magalh%C3%A3es-b28940b  – sobre a fenda Ciencia-Muller.
A charla irá dirixida aos estudantes de Secundaria inda que estará aberta ao público en xeral
Teatro: Non é país para conas
Premios de banda deseñada Virxinia Pereira.
Darase a coñecer o nome dos/das gañadores/as da primeira edición do certame.