Intermodalidade, seguridade viaria e espazos peonis arredor das estacións de tren e buses

74

Concello e Xunta seguen a traballar na intermodalidade entre as estacións de autobuses e tren, a mellora da seguridade viaria e a ampliación dos espazos peonís da contorna, unha actuación vencellada á remodelación integral da propia terminal de autobuses.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda co fin de avanzar neste eido. A Xunta puxo enriba de mesa un posíbel convenio de colaboración entre as dúas administracións no que a contía dun futuro cofinanzamento e algunhas actuacións complementarias quedan pendentes de avaliación. Nunha semana o Concello dará resposta e formulará suxestións e posíbeis alternativas.

“Quedamos de estudar esa proposta de convenio dende o punto de vista económico, temos que avalíalo nos servizos do propio Concello” apunto ao remate da reunión o alcalde Miguel Fernández Lores quen valorou “positivamente” tamén “a actitude da Xunta de escoitar as propostas que o Concello fai”.

A Xunta quere poñer no convenio un proxecto global que inclúa o acceso directo á estación de autobuses dende a avenida Josefina Arruti -proposto polo Concello xa ante Fomento-, a construción dunha pérgola no futuro itinerario peonil terminal bus-terminal tren, ademais da remodelación da estación de autobuses. Cifra estas actuacións en arredor de 4 millóns de euros dos que o Concello -segundo desvelou o vicepresidente Alfonso Rueda- tería que por un.

Fernández Lores lembra que a reforma da estación de autobuses é competencia exclusiva da Xunta e sube en dos millóns o proxecto de intermodalidade inda que o Concello podería asumir o 25% que pretende a Xunta se como apuntou na comparecencia pública o vicepresidente autonómico as baixas das adxudicacións réstanse da parte municipal.

O que si hai acordo é na idoneidade de facer o acceso directo dende a avenida Josefina Arruti, “fixemos no seu día a proposta de conexión directa para liberar de autobuses a parte de diante da terminal e mellorar a conexión das dúas estacións, eles estudaron esa posibilidade dende o punto de vista do tráfico e viron que é viable”. Nesta actuación a competencia é de Fomento polo que falamos dunha colaboración a tres bandas. O Concello propón ao Estado o uso dos 600.000 euros non gastados no desdobramento da avenida de Vigo para este fin.

“O que nos interesaría” engade o alcalde de Pontevedra “é que ese proxecto se completara -unha vez que os buses non van a entrar nin saír por diante da estación- coa descubrición do tramo do río cuberto polo vial que pasa por enriba, a construción dunha ponte e recuperación dese pequeno tramo de río oculto”.

Por outra banda o plan autonómico de construír unha pérgola para definir o paso peonil en superficie entre as dúas estacións é cuestionado polo alcalde que a ve un “gasto innecesario”, pola proximidade das terminais, a nula funcionalidade da mesma e o seu difícil mantemento.