O longo percorrido, e con atrancos, das vítimas da violencia machista

20

A Mesa da Violencia de xénero fixo hoxe unha análise polo miúdo do percorrido que fai unha vítima dende o momento que enfronta a violencia machista e dos atrancos que atopa no camiño. Na reunión, presidida pola concelleira de Igualdade, Carme Fouces estaban representados o CIM, o Punto de encontro, a Consellería de Educación, a Unidade de Violencia de Xénero da Xunta, o SEPE (Servizo de emprego), o Sergas, a Policía Local, a Policía Nacional, a nova Unidade de Violencia da Policía Autonómica, o Centro de emerxencias para atención das vítimas (Casa de acollida) e do Colexio de Avogados. Todos eles botaron en falta a presenza dun representante da Xustiza, administración convidada e que, ao igual que fixo noutras ocasións, non compareceu.

Dende a Mesa fase un chamamento á Xustiza para que participe neste foro “plural e técnico”, tal como subliña Carme Fouces. A súa participación “inda que sexa só para escoitar lle vai a ir ben a Xustiza e as vítimas” sinala a concelleira de Igualdade, quen lembra que esta administración si participa en mesas similares noutros partidos xudiciais.

No Concello de Pontevedra hai 79 mulleres vítimas da violencia machista en seguimento: 37 controladas pola Policía Nacional, 23 pola Policía Local e 19 pola Policía Autonómica (que estrenou unidade de violencia de xénero neste mes de xaneiro).

A Unidade de Violencia de Xénero da Xunta ten contabilizada algunha vítima máis e tenas cualificadas do seguinte xeito: 23 en risco non apreciable, 40 en risco baixo, 12 en risco medio e 10 en risco alto.

Durante case dúas horas, fíxose un amplo repaso das dificultades que enfrontan os distintos servizos vencellados a atención das vítimas da violencia de xénero: dende trabas lexislativas que propoñen mudar (custodia dos menores, axudas económicas…), até a escaseza de recursos e non de todo axeitados; dende a posta en marcha de novos protocolos de actuación até as axudas económicas para saír adiante; a necesidade de maior información e formación dos profesionais que interveñen no proceso de atención, etc.

Co fin de avanzar na diagnose e combate da violencia de xénero en Pontevedra, deseñarase un mapa-guía que reflectirá dunha maneira clara e documentada o percorrido que terá que seguir unha vítima da violencia machista – servizos, ubicación, recursos….- a partir do momento de presentar unha denuncia. A concelleira Carme Fouces marcou o 25 de Novembro (Día contra a violencia de xénero) como data idónea para presentar o mapa.

Ademais a concelleira informou a Mesa de que o Concello disporá duna partida orzamentaria significativa dos fondos DUSI para facer “unha diagnose ampla e rigorosa” sobre a situación da violencia machista en Pontevedra e do nivel de igualdade da sociedade e para definir propostas de actuación.

“Hai que empezar a falar da violencia machista doutro xeito” subliña a concelleira de Igualdade, Carme Fouces: “non é un problema das mulleres, as mulleres son as vítimas e os que xeran o problema son espectadores”.

É tempo de reflexionar, engade, “as mulleres non podemos botar enriba das nosas costas o peso desta lacra”.