O programa do Salón do Libro convida a transformar o mundo que vivimos no “Mundo que queremos”

20
  • Un ano máis a inclusión será un dos pilares básicos do Salón e a súa programación
  • Máis de 300 actividades entre as que se atopan estreas absolutas, espectáculos creados para o Salón, premios FETÉN, e unha ampla oferta de obradoiros , cine e espectáculos para bebés.
  • No que respecta ás diferentes actividades concertadas con centros de ensino, son xa máis de 14.000 os/as alumnos/as que participarán delas.

A concelleira de Cultura Anxos Riveiro presentaba esta mañá o programa do Salón do Libro acompañada pola mascota do mesmo: o lobo Orbil. Máis de 300 actividades  compoñen a oferta deste proxecto cultural que medra cada ano e ademais do fomento da lectura, tenta abrir barreiras e portas á diversidade. Ademais da labor dos nenos/as e os seus traballos – nos que plasmaron como queren eles que sexa esa transformación que o mundo precisa- Anxos Riveiro destacou a colaboración estreita que un ano máis se levou a cabo con diferentes asociacións como a ONCE, Amencer-Aspace, BATA (Bayón Asociación Tratamento do Autismo), Xuntos e Asociación Déficit Atención  e Hiperactividade) coa intención de dotar ao profesorado de ferramentas para traballar con alumnado de capacidades diferentes a través dos cursos para docentes. A ambientación e parte da programación pretenden tamén fomentar a inclusión.

Tal e como adiantábamos hai algo máis dunha semana, entre os espectáculos teatrais programados, contaremos entre outras propostas con 3 galardoados con premios FETÉN, a estrea absoluta de ‘PUM PUM’ de Baobab Teatro e o espectáculo exclusivo do Salón de María Lado, Lucía Aldao e o Seminario Permanente de Jazz ‘As portas de Escaquis’, baseado no libro editado polo Salón ‘Escaquis e Romeu’ de Antoni Manuel Fraga, ilustrado por Jacobo Fernández.

Contaremos con espectáculos musicais coma o de Pablo Díaz, Migallas Teatro, ‘Cousas de papá’ de Héctor Lorenzo ou a estrea de a Gramola Gominola que se celebrarán os diferentes sábados ás 18:30h no Auditorio ou concertos coma os da Banda de Música de Pontevedra, o coro do Conservatorio Manuel Quiroga ou o do IES Xunqueira 1 ‘Nenos no Jazz’.

Non faltarán os espectáculos para bebés, que dado o éxito de anos anteriores serán programados tamén todos os sábados en varias sesións, ‘Redondo’ de Caramuxo Teatro, ‘Crassh Babies’ de We Tum Tum a coprodución Noruego- portuguesa ‘Conchas’ e ‘Percubebés’ de Marcelo Dobode.

Diferentes contacontos e obradoiros familiares completarán a oferta de actividades que durante as fins de semana encherán tamén o Recinto Feiral, acollendo este unha bebeteca, espazo de merenda e un anfiteatro no que terán lugar diversos espectáculos de balde como Brinca Vai ou Pesdelán.

A sala estará ambientada un ano máis por ETL Paspallás e contará con 50 traballos de centros de ensino de educación infantil, primaria e secundaria de Pontevedra e parroquias na súa maioría pero tamén de Vilaboa, Pontecaldelas, Cambados, Barro, Vilagarcía, O Grove, Salceda de Caselas, Taragoña ou Urdilde, etc.  Os ‘Mundos Imaxinados’ do alumnado do Mestrado en Libro Ilustrado da Universidade de Vigo, os debuxos de Escaquis e Romeu de Jacobo F.S e ‘Humor para vivir’ de Luis Davila son as mostras das que poderemos gozar dentro da Sala. ‘Marcopola a illa comiqueira’ estará no vestíbulo do audiorio e ‘Elisa no mundo das marabillas’ de Galaxia e APAMO (Asociación Famlias de Persoas con Parálise Cerebral) na Biblioteca Pública da Pontevedra.

Consulta o programa do Salón do Libro_2017