O xurado dos premios de BD Virxinia Pereira decidiu

92

O xurado dos premios de banda deseñada (BD) Virxinia Pereira, presidido polo debuxante Kiko da Silva, reuniuse hoxe para avaliar os traballos presentados e elixir aos gañadores do certame que nace cun dobre obxectivo: visibilizar ás, até agora, escasas autoras de banda deseñada e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito son os obxectivos da convocatoria.

O fallo darase a coñecer o 8 de Marzo, Día da Muller.

Foron 21 os traballos presentados a primeira edición dos premios de BD que levan o nome da responsábel de que o legado de Castelao, o seu home, chegase até nós. Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra en colaboración co debuxante Kiko da Silva e O Garaxe Hermético

O xurado dos premios de BD Virxinia Pereira está integrado por:

Fran Bueno Capeáns: Debuxante de BD nado en Santiago de Compostela. Premio Castelao de BD 2013. Publicou a súa obra en Image en EE.UU e Glenat Francia. É mestre de entintado e destrezas gráficas no Garaxe Hermético.

Fernando Llor: Guionista de banda deseñada nado en Vigo, publicou cómics en Babylon ediciones, e acaba de publicar con Paninni “Ojos Grises” e “Sangre en el suelo” en Rocketman Project. É mestre de Guión no Garaxe Hermético.

Cynthia Alfonso Barreiro nada en Vigo, Estudou Belas Artes e fixo prácticas no Garaxe Hermético. Publicou na revista “Islands” editada por Image en EE.UU. Foi promotora do fanzine Taiga, e publicouobra na editorial Fosfatina.

Marilar Aleixandre, nada en Santiago de Compostela. Escritora e catedrática na Universidade de Compostela, membro da Real Academia Galega dende o 2017. É unha das primeiras guionistas de banda deseñada de Galicia. Creo xunto a Fran Bueno a serie Os Escachapedras publicado na revista Golfiño e na revista Oink!

Os participantes no certame tiveron que presentar -en formato dixital ou impresos- unha historieta de seis páxinas de BD, orixinarias, cun contido que fortaleza a reflexión crítica sobre o papel social das mulleres e homes e en galego.

As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada, que formará parte da programación dos actos do 8 de Marzo e conformará unha publicación destinada aos centos educativos.

Hai tres premios Virxinia Pereira:
– 1º premio, de 2.000 euros, un curso de verán no Garaxe Hermético e a publicación do traballo
– 2º premio, de 1.000 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo
– 3º premio, de 500 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo

A entrega dos premios incluirá tamén a homenaxe a unha autora de banda deseñada o ue terá un dobre obxectivo: por unha banda recoñecer o seu traballo e por outra abrir as portas a referentes femininos no mundo da BD.