O estanque das Palmeiras, na memoria colectiva de Pontevedra

112

“É un elemento que está na memoria colectiva de Pontevedra, de gran valor sentimental, humano e social”, en palabras do concelleiro Luís Bará. Falamos do estanque dos parrulos, punto emblemático do parque das Palmeiras e que está vencellado a historia persoal e familiar de gran parte dos pontevedreses e pontevedresas.

Con esta realidade como punto de partida, o Concello de Pontevedra a través da Concellería de Parques e Xardíns e cunha idea proposta por Meli Fandiño, quere montar unha exposición fotográfica con imaxes tomadas no estanque, no que no pasado convivían parrulos e cisnes. A inauguración da mostra coincidirá coa inauguración da reforma do estanque prevista para ben entrada a primavera.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Luís Bará, xunto con Meli Fandiño, fai un chamamento a veciñanza para que acheguen fotos antigas ao Concello ou a través da web municipal, a partir desta semana para compoñer a mostra. As imaxes serán escaneadas e devoltas aos seus propietarios. Fotos como as aportadas xa por Meli Fandiño, da década dos anos 50 do pasado século, nas que se ve a ela mesma de bebé e con tres anos ao carón dos seus país diante do estanque. A exposición completarase con documentación do estanque (planos, construción, historia…) do arquivo municipal.

Arredor do estanque das Palmeiras se está a facer unha actuación de mellora de todo o conxunto. Como sinala o concelleiro Luís Bará “fixéronse xa arranxos na accesibilidade e agora estamos en plena obra de arranxo do estanque,despois vaise sinalizar, pintar, instalar mobiliario na contorna…”. Ademais, engade, “encargamos unha intervención artística no pombal, que Cestola na Cachola (expertos en muralismo)”.