Pontevedra e Vigo, sedes do Mundial de Balonmán Junior en 2019

32

    • Está previsto que arredor de 13.000 persoas (3.000 deportistas e uns 10.000 acompañantes) participen nesta competición.
    • En xaneiro de 2018 tamén acollerán o Campionato de España de autonomías infantil, xuvenil e cadete.
    • Simultaneamente se celebrará o Torneo Internacional de España Domingo Bárcenas no que está confirmada, ademais de España, a selección de Polonia.

Os concellos de Pontevedra e Vigo acollerán no ano 2019 o Campionato do Mundo de Balonmán Junior, tal e como anunciou esta mañá os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun encontro no consistorio olívico ao que tamén asistiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os presidentes das federacións galega e española de balonmán, José Luís Pérez Ouro e Francisco Blázquez García respecticamente, así como os concelleiros de Deportes dos concellos de Pontevedra, Anxos Riveiro e Manuel Fernández, respectivamente. Na cita tamén estivo presidente do director de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló.

Na reunión concretouse a celebración deste gran campionato que suporá que as dúas principais cidades das Rías Baixas acollan a uns 2.500 ou 3.000 deportistas que virán acompañados dos seus familiares, é dicir, entre 8.000 ou 10.000 persoas máis. Competirán 24 seleccións do mundo. O campionato terá, logo, dúas sedes e dende hoxe comeza o traballo para definir os pormenores hostaleiros e de infraestruturas deportivas.

Ademais, tamén se concretou que en xaneiro de 2018 (entre o 8 e o 10 de xaneiro) se disputará en ambas cidades do Campionato de España de autonomías infantil, xuvenil e cadete que coincidirá no tempo co Torneo Internacional de España Domingo Bárcenas no que xa están confirmados a participación das seleccións de España e Polonia.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores confesou esta mañá “estar encantado de estar en Vigo” e lembrou que a cidade do Lérez ten un exio de traballo vinculado á práctica deportiva, centrada no espectáculo de elite, no fomento da práctica deportiva de base e tamén na proxección da cidade que ofrecen estes eventos e na dinamización da actividade económica que xeneran na cidade.

Fernández Lores lembrou que “é obrigado que nos poñamos dacordo porque Pontevedra non ten posibilidades de acoller a todo o campionato tanto por falta de instalacións deportivas como de prazas de hostalería”.

Ademais, destacou ao igual que a presidenta da Deputación e o alcalde de Vigo, a importancia da colaboración das tres institucións “que facilitan que Galicia se converta nun referente en eventos deportivos”. A Deputación confirmou a súa contribución económica para a celebración dos campionatos.