A Biblioteca co Salón do Libro a través da exposición “Elisa no mundo das marabillas”

15
  • Unha exposición recolle a xénese do conto elaborado no taller da Asociación de Familias de Personas con Parálisis Cerebral e editado por Galaxia

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola acolle dende onte a exposición ‘Elisa no mundo das marabillas’, baseada no conto homónimo editado por Galaxia e realizado no taller artístico do centro residencial da Asociación de Familias de Personas con Parálisis Cerebral (APAMP).

A exposición permanecerá aberta ó público ata o sábado 1 de abril no seguinte horario: de luns a venres, de 9:00 a 21:00h; sábados, de 10:00 a 14:00.

O mundo de Elisa

“Independentemente das capacidades e diferencias de cada persoa, todos buscamos o mesmo na vida: o amor e a aceptación, sentirnos parte do mundo no que vivimos: o mundo das marabillas”

O conto ‘Elisa no mundo das marabillas’ naceu no taller artístico do centro residencial de APAMP con motivo da celebración do Día Internacional do Libro do ano 2015 e coa finalidade de compartilo cos nenos e nenas do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia (Vigo).

Os usuarios do centro quixeron crear un personaxe co que se identificasen e que transmitise todo aquilo que sentían e como se vían ante a sociedade. Un personaxe con vitalidade e forza, capaz de conseguir todo aquilo que se propuxese e cuxo obxectivo diario fose a superación persoal. Así naceu Elisa, unha moza con parálise cerebral, que decide percorrer o mundo na súa casa rodante para descubrir novas aventuras e axudar á xente que, como ela, se sentía diferente.

O conto foi elaborado íntegramente por 30 persoas con parálise cerebral, que en todo momento foron coordinados pola monitora do taller artístico do centro residencial, Fedra Alcaraz. Eles mesmos -moitos axudados de pictogramas- foron definindo cada un dos personaxes que lle darían forma ó conto, así coma as diferentes aventuras que ía vivir a súa protagonista.

Posteriormente, encargáronse de darlle vida de múltiples maneiras: uns collían a brocha coas mans, outros cos pés e outros empregando mesmo esponjas empapadas en pintura.

O momento final de compartir o conto cos alumnos do colexio foi tan intenso e emotivo que os responsables de APAMP decatáronse de que Elisa tiña que se converter nalgo real para poder chegar a miles de nenos e que eles mesmos coñecesen a maxia da superación persoal.

Dende o primeiro momento, a Editorial Galaxia apostou por este proxecto, para o que encargou a APAMP que aumentase o número de ilustracións. Dous anos despois, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Elisa no mundo das marabillas é xa unha realidade ó alcance de todos.

Todo o proceso de creación e elaboración do conto quedou recollido no vídeo “Elisa no mundo das marabillas” que pode verse no canal de Youtube da Editorial Galaxia.

VIDEO: https://www.youtube.com/watch?v=SIN4WAEhq-c