Lores reivindica o espazo público como un servizo público na Bienal de Grenoble

13
  • A peonalización de Pontevedra seduce ao público da Bienal Cidades en Transición polo
    seu carácter de proxecto urbano global
  • No debate co alcalde de Pontevedra estiveron Thomas Kufen, alcalde de Essen (Alemaña), Huanxun Song, do Concello de Suzhou (China);Tim Sadler, do Concello de Oxford; Gregor Robertson (mensaxe en vídeo), alcalde de Vancouver (Canadá) e os concelleiros de Grenoble, Vincent Fristot (Urbanismo) e Lucille Lheureux (Espazo Público e Natureza)

O modelo de peonalización de Pontevedra, un proxecto global de cidade, suscitou gran
interese na Bienal Cidades en Transición de Grenoble, onde a énfase estivo posta na
necesidade de devolver ás cidades o papel de actor clave na transición cara unha
sociedade sostible, respectuosa, igualitaria e solidaria. Neste foro o alcalde de
Pontevedra, Miguel Fernández Lores, subliñou que “o espazo público é un servizo público
como pode ser a sanidade ou a educación” e como servizo público que é “ten que ser
accesíbel a todos e todas” ao marxe da condición persoal, económica ou social que teña
cada quen.

O alcalde Miguel Fernández Lores, participou na mesa redonda “Transición medio
ambiental: da emerxencia ao bo-vivir” na que falou de Pontevedra como “unha alternativa
real” ás cidades invadidas polos coches, unha cidade nas que as persoas son sempre a
prioridade. Un proxecto integral, global que vai máis alá das experiencias dominantes de
carácter sectorial ou vencelladas a un barrio ou distrito.

Xuntos a el estaban:
Thomas Kufen, alcalde de Essen (Alemaña), Capital Verde Europea dende o 21 de
xaneiro de 2017. A acreditación é froito da súa aposta polas enerxías renovables, a
recuperación dos espazos urbanos, a integración dos inmigrantes e o desenvolvemento
do transporte público.

Huanxun Song, representante do Concello de Suzhou (China), cidade de 4 millóns de
habitantes, altamente contaminada pola industria e que traballa a prol da súa
recuperación ambiental.

Tim Sadler, director executivo do Concello de Oxford quen- cunha intervención dende o
público- falou da experiencia de participación posta en marcha nesta cidade universitaria
que inclúe aos mozos e mozas de 16 a 18 anos

Gregor Robertson, alcalde de Vancouver, mandou a súa intervención por vídeo e nela
subliñou a aposta que fai a cidade pola calidade ambiental e que ten como obxectivo
acadar a acreditación de Cidade máis limpa do mundo no ano 2020.

Nesta presentación internacional e no posterior debate estiveron dous concelleiros de
Grenoble: Vicent Fristot, responsábel de Urbanismo e Lucille Lheureux, responsábel
de Espazo Público e Natureza.

Após a proxección dun vídeo sobre o modelo de mobilidade de Pontevedra, Fernández
Lores reivindicou a necesidade de recuperar as cidades para as persoas o que leva
consigo un novo xeito de relacionarse -respectuoso, empático, solidario…- e
cuantificables melloras na seguridade e calidade urbana, no eido ambiental e sociais e
tamén un importante pulo económico na economía local.

Os participantes no debate dirixiron as súas preguntas, de xeito maioritario, ao alcalde de
Pontevedra interesados en profundar en conceptos como o tráfico de necesidade, tráfico
de conxestión ou violencia viaria. Amosando tamén interese en saber cal fora a resposta
dos comerciantes locais cando se restrinxira de xeito radical os coches na cidade, a
evolución da opinión pública durante o proceso ou o grado de participación social.

A peonalización, a implantación da velocidade 20-30 km/hora, a “desautoxicación” da
cidade ten beneficios cuantificables no eido social, económico e tamén ambiental. Cero
mortos por atropelos, que os nenos teñan espazos para xogar e vaian sós ao colexio,
reducir a deslocalización comercial, aumentar a actividade económica na cidade, eliminar
case o 70% das emisións de CO2 ou reducir o 97% dos coches no centro, o 77% no anel
interior da cidade e o 53% no conxunto son datos que falan do éxito do modelo
Pontevedra e que chamaron a atención no foro Cidades en Transición. Un proxecto “real”,
posíbel grazas a “decisións políticas valentes”.

Neste senso a concelleira Lucille Lheureux amosou a súa sorpresa ao coñecer que a
transformación urbana de Pontevedra é froito dunha iniciativa política das autoridades
municipais e non dun proceso promovido pola cidadanía.