O Salón do Libro xoga limpo

17
  • Cerca de 1.500 persoas, entre escolares e público xeral, achegáronse ó Salón do Libro ó longo desta xornada inaugural

Ante as miradas ansiosas de moreas de cativos, o lobo Orbil abriu un ano máis as portas do Salón do Libro, que celebra a súa edición máis comprometida co título ‘O mundo que queremos’. Cerca de 1.500 persoas pasaron polo Salón nunha xornada inaugural que contou con tres pases da peza ‘Xoga’, de Entremáns (dous para o alumnado dos centros de Pontevedra e comarca e unha para o público xeral), tres espectáculos de contacontos e a presentación do libro ‘Escaquis e Romeu’.

En torno ás 19:00h., a concelleira de cultura, Anxos Riveiro, deu a benvida ó público no auditorio e agradeceu “que un ano máis esteades presentes neste proxecto que é o Salón do Libro”. Asimesmo, invitou ós asistentes “a gozar con todo o que temos aquí” e suliñou a “gran cantidade de propostas” para toda a familia. “Só vos podo dicir -concluiu antes de dar paso ás bailarinas que guiaron ós nenos ata as portas do salón- que todas e cada das actividades están feitas con moitísimo cariño”.

Un dos momentos máis agardados desta primeira xornada foi a presentación do libro ‘Escaquis e Romeu’, editado polo Pazo da Cultura. O acto contou coa participación da propia concelleira, así coma dos autores, Antonio Manuel Fraga (texto) e Jacobo F.S. (ilustracións), que asinaron exemplares ós asistentes.

Na súa intervención, Fraga falou da dificultade de abordar un tema tan amplo coma “o mundo que queremos” e invitou a “esquecer a mirada individual e tratar de non impoñer una visión única”. O seu obxectivo como creador foi “unha historia divertida, agradable e que axudase a reflexionar e a poñernos no pelexo doutros”. A palabra clave para o autor é “respecto, ós que conviven connosco e ós que virán despois de nós”, en referencia á importancia de legar un mundo mellor ás vindeiras xeracións.

Pola súa banda, Jacobo F.S., ilustrador do libro, contou a súa experiencia no achegamento á historia de Escaquis e Romeu: “un debuxante é un lector que debuxa”, e deixou entrever a súa identificación co personaxe de Escaquis, que “abre portas a outros mundos debuxándoas”. Finalmente, non dudou en augurar un percorrido longo polo mundo a ‘Escaquis e Romeu’, “sexa a través dos coles, doutras linguas, doutros formatos”…

De xeito simultáneo á presentación de ‘Escaquis e Romeu’, tiveron lugar en diferentes espazos do Salón ata tres espectáculos de contacontos, que deixaron abraiados ós máis pequenos: ‘Contos que deixan pegada’, de Pavís Pavós, ‘Un mundo cheo de contos’, de Bea Campos e Davide González e ‘Unha porta á prehistoria’, da Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia.

De todos e para todos

No Salón do Libro, os nenos e nenas non son soamente consumidores de cultura, senón tamén creadores en maiúsculas. Deixao ben claro á exposición de traballos dos centros escolares de Pontevedra e comarca, que este ano conta con 50 traballos con títulos tan suxestivos como ‘A princesa metesustos’, ‘Eslabóns dunha mesma cadea’ ou ‘Os contos de África’. Os visitantes poderán participar na elección do ‘Premio do Público’ votando (na furna habilitada a tal fin) polo traballo máis creativo, que terá un recoñecemento especial na vindeira edición.

No tocante á ambientación, a principal novidade desta edición, o ‘Bosque das letras’, non deixou indiferente a ninguén. O espazo deseñado por Trisquelia e instalado no Recinto Feiral alberga o Anfiteatro, a Bebeteca, a Sala de Merendas, diversos obradoiros e a exposición ‘Viajes’, da artista Susana Suniaga. Un lugar máxico e cheo de encanto que, con toda seguridade, se converterá nun dos favoritos do público.