Grenoble busca no modelo Pontevedra inspiración para o seu proxecto urbano

64
  • Lores mantivo apartes co alcalde Eric Piolle e reunións de traballo con membros do seu
    equipo de goberno:os responsábeis de Urbanismo e Espazos públicos, Novos Barrios e
    da área de Saúde.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, mantivo nas últimas horas -na noite de
onte e na mañá de hoxe- varios apartes co alcalde de Grenoble, Eric Piolle e sesións de
traballo con distintos cargos municipais: coa vicealcaldesa e responsábel de Urbanismo,
Espazos públicos e Natureza, Lucille Lheureux; o concelleiro responsábel do área de
Novos Barrios, Vicente Fristot; e a responsábel da área de Saúde, Mondane Jactat. Con
todos eles intercambiou información sobre o proceso de transformación urbana de
Pontevedra e tendeu pontes para o intercambio de información.

Tanto o alcalde de Grenoble, Eric Piolle, como os membros do seu equipo de goberno
amosaron interese por coñecer in situ o modelo Pontevedra, unha alternativa real ás
cidades invadidas polos coches e inspiradora para o seu propio proxecto de
desenvolvemento urbano. Eric Piolle fixo un recoñecemento público do modelo urbano de
Pontevedra ao citalo como exemplo na intervención coa que pechou onte pola noite a
Bienal Cidades en Transición.

A xornada de hoxe incluíu una visita guiada a La Bastilla -unha fortaleza que domina a
cidade de Grenoble e á que se accede por teleférico-, e a participación do alcalde Miguel
Fernandez no programa “CO2 Mon amour” que dirixe Denis Cheissoux, un programa
adicado á ecoloxía, desenvolvemento sostible e medio ambiente e que foi emitido en
directo dende Grenoble co gallo da Bienal Cidades en Transición. O programa é de
ámbito nacional e conta cunha audiencia de 750.000 oíntes.