O modelo urbano trae a Pontevedra a delegacións de Andorra e Braga

153

O modelo urbano de Pontevedra trae á cidade dúas novas delegacións municipais: unha de Andorra la Vella (capital do Principado) e outra de Braga (Portugal). A primeira estará con nós maña xoves, 23 de marzo e a segunda ao día seguinte, venres 24 de marzo.

Ao fronte da delegación de Andorra la Vella estará a Cónsol major (alcaldesa), Conxita Marsol Riart. Virá acompañada dos consellers de Urbanismo e Aparcamentos (Josep Antoni Cortés) e de Medio Ambiente e Innovación, David Astrié.

Queren coñecer polo miúdo o proceso de transformación vivido pola cidade; a toma de decisións que desenvolveu un modelo urbano que foi quen de deixar atrás unha cidade invadida polos coches e recuperar os espazos públicos para as persoas; a mellora da calidade urbana e da calidade de vida que trouxo; a resposta da cidadanía… Para acadar este obxectivo manterá un encontro cos técnicos municipais que traballaron e traballan no deseño urbano e coordinaron e coordinan as actuacións precisas para o seu correcto desenvolvemento. Tamén farán unha visita guiada pola cidade acompañados polo alcalde Miguel Fernández Lores ao fronte.

Andorra la Vella ten 23.000 habitantes e cabeceira dunha aglomeración urbana de 50.000. Conta con tres núcleos urbanos: Santa Coloma, La Marginada e Andorra la Vella.

  • Programa:
    10.00- 11.30 horas. Reunión cos técnicos municipais na Sala de xuntas do Concello
  • 11.30 -13.00 horas. Visita pola cidade acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores.
  • 12.30 horas. Declaracóns aos medios na fonte dos Nenos (praza de Compostela)

O venres 24 de marzo estará na cidade a delegación da Cámara Municipal de Braga co concelleiro de Urbanismo, Miguel Bandeira ao fronte. Neste caso xunto aos responsábeis políticos e técnicos municipais estarán un equipo da consultora CINESI, que representa ao departamento de Mobilidade da Cámara de Braga na rede CityMobilNet do proxecto europeo URBACT.

Os responsábeis políticos de Braga e da consultora que estarán en Pontevedra teñen coñecemento e traballaron xa sobre o modelo pontevedrés pois tamén eles camiñan na dirección de recuperar á cidade para as persoas. Braga ten a área peonil máis grande de Portugal.

Programa

  • 10.30- 11.30 horas. Reunión cos técnicos municipais na sala de xuntas
  • 12.00- 13.00 horas. Visita pola cidade acompañados polo alcalde de Pontevedra,Miguel Fernández Lores
  • 13.00 horas. Declaracóns aos medios na fonte dos Nenos (praza de Compostela)