Pontevedra ten un puntazo reformula a programación e ábrese ás redes

48

Presentacións de empresas pero tamén masterclass, encontros empresariais e actuacións para incorporar alumnos e alumnas do campus (novos talentos). Pontevedra ten un puntazo formula unha nova, máis ampla e ambiciosa programación cando cumpre un ano de vixencia.

A longo deste primeiro ano fixéronse 14 presentacións de iniciativas empresariais, participouse dun xeito activo en Culturgal’15 e Cultural’16 e baixo o seu amparo elaborouse un catálogo de empresas, houbo exposicións e mesmo creouse unha canle de comunicación interna a través da rede social Yammer.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e da Cidade -departamento que promove a iniciativa- presentou hoxe unha nova etapa do programa Pontevedra ten un puntazo, que chega con novos proxectos, unha nova imaxe e a posta en marcha das redes sociais propias -Facebook, Instagram e Twitter- co fin de ter un escaparate virtual dos proxectos levados a cabo polas empresas creativas, culturais e innovadoras que fan parte deste programa.

Nova estrutura e adiantos de programación

Presentación de empresas. AS CHÁCHARAS DO PUNTAZO

Obxectivo.- dar a coñecer as empresas e os proxectos desenvolvidos polos membros do programa a través de presentacións de varias delas en diferentes espazos da cidade.

Xoves, 30 de marzo. Salón do Libro

Achegar aos asistentes como se organiza un dos eventos culturais máis punteiros e con maior repercusión da cidade. Levarase a cabo unha visita guiada da man das empresas pontevedresas implicadas no desenvolvemento do Salón do Libro para que acheguen de primeira man o proceso de creación, montaxe e xestión do evento. Así mesmo, participarán diferentes colectivos que forman parte da programación do Salón do Libro.

Xoves, 27 de abril. Cervexa Nasa. Xeve Artesano. Actuación grupo local

En Cervexa Nasa realizarase unha visita guiada polas instalacións da empresa co fin de coñecer os seus produtos e a seu proxecto empresarial. Estará tamén xente da empresa local Xeve Artesano que presentará o seu novo concepto de panadería artesá.

Xoves, 25 de maio Ana Seoane. José Chás Fotografía. Producións Mutantes

A presentación estará centrada no mundo da creación tanto audiovisual como dende o punto de vista do deseño gráfico e industrial de man destas tres empresas punteiras no sector creativo local.

Xuño. Rei Zentolo

A empresa Rei Zentolo cumpre 15 anos de existencia e vai a celebralo por todo o alto con todos os compañeiros de Pontevedra ten un Puntazo e coa cidadanía. Están traballando na organización dun evento onde o deseño será o principal protagonista.

Masterclass. PUNTAZO DE TALENTO

Virán a Pontevedra profesionais de recoñecida traxectoria vencellada ao mundo da creatividade, xestión cultural e a innovación para nos guíen a través da súa experiencia e nos acheguen o seu coñecemento para a mellora da traxectoria empresarial dos membros do Puntazo.

Mércores, 29 de marzo. TONI PUIG, o gurú das cidades

Especialista en xestión cultural, foi un dos xestores do florecemento de Barcelona nas últimas décadas. Hoxe difunde o concepto de “marca cidade”, unha idea forza ao redor da que toda urbe debe convocarse e facerse visible.
Máis información: www.tonipuig.es

Encontros empresariais, PUNTAZO DE ENCONTRO

Haberá dende agora ata o mes de xuño, varios encontros con empresas relevantes de Galiza e que teñen realizado fortes apostas polo deseño, a creatividade e a innovación no seu desenvolvemento empresarial. O obxectivo é que estas empresas poidan coñecer o potencial dos membros do Puntazo e que se poidan establecer alianzas empresarias de futuro.

Novos talentos do Puntazo. INCORPORACIÓN DE ALUMNOS/AS DO CAMPUS

Nesta edición 2017 tentarase que Pontevedra ten un Puntazo continúe a medrar e para iso trabállase coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para incorporar aos alumnos que están a destacar en diferentes certames e convocatorias. Deste xeito, imos favorecer que os seus traballos teñan unha maior visibilidade e ademais que as empresas locais poidan coñecelos e mesmo abrirlles paso no mercado laboral, establecendo vínculos alumnado- empresa.