O Concello comeza por Salcedo a implantación de Plans integrais de calmado de tráfico no rural

89
    • O primeiro ten un custe de 130.500 euros que permitirá a instalación de pasos elevados nas zonas máis poboadas dos núcleos.
    • Xa se traballa nos Plans de Santa María de Xeve, Campañó e Mourente.

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá o proxecto de calmado integral de tráfico da parroquia de Salcedo. É un plan que se enmarca dentro da intención do Goberno Local de trasladar as medidas de seguranza de tráfico das vías municipais urbanas ao ámbito rural fixando as prioridades de mobilidade que hai na cidade: primeiro o peón, segundo as bicicletas, e terceiro o transporte motorizado.

O primeiro proxecto no que traballa o Concello é o da parroquia de Salcedo, tal e como informou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez, pero xa se traballa nos Plans integrais de calmado de tráfico de Campañó, Santa María de Xeve e Mourente.

O proxecto de Salcedo ten un custe de 130.500 euros, e neste momento está en fase de contratación. Presenta a instalación de pasos de peóns elevados en distintos puntos da parroquia, especialmente, naquelas zonas máis poboadas, seguindo as peticións do Consello parroquial así como as recomendacións técnicas municipais.

A instalación destes pasos elevados véñense a sumar aos que xa foron instalados na parroquia cando se foron realizando traballos de mellora do firme.

O concelleiro delegado da parroquia lembrou que na zona urbana é doado diferenciar entre rúas e estradas, pero na zona rural. Precisamente, a instalación de lombos deixará clara as preferencias de mobilidade nas parroquias.