O Eterno retorno do Pombal das Palmeiras

388
    • Nestes días pódese contemplar o mural do Pombal das Palmeiras totalmente rematado no que os creadores aproveitaron a forma circular da estrutura para facer unha historia cíclica.

O Concello xa ten rematado o seu primeiro mural urbano. É no pombal das Palmeiras no que a empresa especializada Cestola na Cachola recreou o “Eterno retorno”. 

Segundo explican os creadores, aproveitando a forma circular do pombal, crearon unha histórica cíclica. Na parte superior amósase a secuencia dunha eclipse dividida en fotogramas.

Na parte intermedia, unha muller cos ollos vendados lanza frechas tratando de darlle á mazá que está sobre a súa cabeza, mais ao percorrer o muro as frechas voltan pola súas costas; na parte posterior outra muller cun escudo trata de protexer a ambas das frechas; e no entanto, unha gran serpe percorre a escena ata morder a súa propia cola, envolvéndoas con ela.

Na parte inferior amósase un río circular que representa o río Lérez repleto de vexetación.

Trátase dunha primeira experiencia coa que o Concello quere pór en valor esta instalación que agora ten un uso moi diferente ao orixinal xa que serve para gardar ferramentas de traballo do departamento de Xardíns. O propósito do Concello é continuar mellorando medianeiras da cidade con murais tan vistosos como este, tal e como indicou no seu día o concelleiro responsábel da área urbana, Luís Bará.