Toni Puig, o Gurú das cidades, inaugura as masterclass do Puntazo

147

Pontevedra ten un Puntazo inaugurará a tempada 2017 cunha figura recoñecida a nivel internacional no mundo da xestión cultural. Este mércores, 29 de marzo, terá lugar no Pazo de Mugartegui a primeira das masterclass previstas da man de Toni Puig, coñecido como “o gurú das cidades”, que reflexionará sobre o papel fundamental da creatividade no desenvolvemento das cidades.

Toni Puig ten unha relevante carreira profesional destacando como asesor de Comunicación do Concello de Barcelona dende finais dos 70, tendo un papel fundamental no proceso de transformación que permitiu á cidade converterse na sede dos Xogos Olímpicos en 1992 e situarse coma unha das líderes mundiais en innovación, cultura e desenvolvemento económico e social.

É o creador do concepto “marca cidade” que implica a xeración dunha idea ao redor da que toda urbe debe convocarse e facerse visible. Puig é profesor de Marketing no Instituto de Dirección e Xestión Pública da ESADE, reputado especialista en xestión cultural e que formou parte do equipo fundador da histórica revista “Ajoblanco”.

Colaborador activo con escolas de renovación pedagóxica, foi o creador do departamento para a mocidade do Concello de Barcelona, onde ademais traballa de maneira incansable co sector asociativo cívico. Tamén tivo un rol destacado no Fórum Universal das Culturas de Barcelona e é asesor para creatividade e a innovación do sector administrativo en España e Latinoamérica. Conferenciante transatlántico, é autor de libros e dossiers sobre asociacións, fundacións e sobre políticas públicas a escala local. www.tonipuig.com

Visita ao Salón do Libro – Primeira #chácharadoPuntazo

Coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polas empresas do sector creativo e cultural da cidade é un dos obxectivos do proxecto “Pontevedra ten un Puntazo”. Nesta liña, o vindeiro xoves, 30 de marzo ás 19.30 horas, terá lugar a primeira das coñecidas como #chácharasdoPuntazo no que empresas vencelladas ao deseño e actividades do Salón do Libro contarán aos asistentes como se leva a cabo un dos eventos culturais fundamentais dentro da programación anual de Pontevedra.