Un gran centro deportivo de referencia na Parda

255

O Concello de Pontevedra avanza na creación dun gran centro deportivo na Parda coa creación dunha estrutura de dous módulos arrodeada de zonas verdes e de espazos de estacionamento. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañado dos responsables do departamento de arquitectura do Concello, do xefe do servizo de Deportes e dos arquitectos que elaboraron o antreproxecto de reordenación da parcela, presentaron onte as liñas cara onde hai de crecer este proxecto.

Anxos Riveiro lembrou que a prioridade do Goberno Local é completar a rede básica de equipamentos deportivos do Concello,  especialmente necesaria nestes tempos por ser Pontevedra centro do deporte galego, tanto polo número de infraestruturas como pola organización de grandes eventos.

A mellora desta rede de infraestruturas deportivas é unha prioridade incluída dentro do plan de investimentos 2020, nos que figuran o Complexo deportivo de A Parda ou a construcción de novos campos de herba sintética como o de Cerponzóns  ou Gatomorto que están ambos en contratación; a necesaria remodelación do Multiusos e das Piscinas de Campolongo ou, finalmente, a tan agardada reforma do Pavillón Municipal.

Despois de moitos avatares, o Concello segue apostando pola parcela da Parda como espazo deportivo polas súas potencialidades: a boa situación xeográfica, cerca das estacións de bus, de tren; será elemento dinamizador do barrio -un dos de maior crecemento do concello-, e cubre a necesidade da rede básica de instalacións deportivas na zona oeste-leste do concello.

Para iso elabórase un programa de necesidades deportivas que determina as características mínimas que deberá reunir este novo complexo e propón a creación dunha instalación deportiva con dous módulos principais.

  • Un pavillón polideportivo con todas as instalacións necesarias para o desenvolvemento da práctica deportiva. Terá carácter modular, con pista polivalente que destaca polas súas dimensións de xogo que permita practicar até tres unidades deportivas simultaneamente e que teña unha capacidade de 1.500-2.000 espectadores. Disporá de espazos comúns de tránsito e distintas salas polivalentes, ademais de oficinas e zonas sanitarias.
  • Un anexo para disciplinas de ximnasia que pode transformarse en Centro de Tecnificación, cunha superficie mínima de 1.400 metros cadrados. Con servizos exclusivos para esta práctica deportiva.

En base a estas necesidades encárgase un anteproxecto de adecuación da parcela para construír o Complexo deportivo ao estudo pontevedrés Rodríguez+Pintos arquitectos (Santiago Pintos Pena e Jaime Rodríguez Abilleira).

O estudo revela que a parcela ten unha superficie de 34.650 metros cadrados. Propón a creación dunhas 220 prazas de estacionamento, cunha superficie de estacionamento de 5.500 metros cadrados nos extremos norte e sur da parcela. Os dous módulos deportivos ocuparán unha superficie máxima de 8.100 metros cadrados, xa que ocupación estimada de ambos módulos será duns 6.750 metros cadrados.

Nestes momentos, unha vez recibido o documento, o Concello xa puxo en marcha a tramitación para elaborar o proxecto de urbanización da parcela que terá varias zonas verdes, reserva para os espazos deportivos e tamén para estacionamento que pode ser combinable con pistas para deportes de masas (fútbol, baloncesto…).

En canto á construción dos módulos deportivos, o Concello iniciará un concurso restrinxido de proxectos no que todos os interesados poderán presentar as propostas que consideren. Logo un comité de expertos escollerá dez coa mellor solvencia técnica e de equipos que se teñan enfrontado á construcción de instalacións similares.

O Goberno Local ten o compromiso do presidente da Xunta para colaborar na construcción deste complexo deportivo. Hoxe o alcalde entrevístase coa nova directora xeral de Deportes da Xunta para abordar distintos asuntos de índole deportiva na cidade, e especialmente, esta colaboración.