Campionato de España Absoluto Open de Natación, cheas as gradas e cheos os hoteis

16
  • Mireia Belmonte suma cinco medallas de ouro e cinco pases ao Campionato do Mundo de Natación de Budapest
  • As nadadoras e nadadores locais están a dar o mellor de si e Águeda Cons acadou amarca que a levará ao Campionato de Europa Junior de Herzliya (Israel)
  • O Open de Natación e a Media Maratón de Piragüismo amosan o papel de revulsivo económico dos eventos deportivos

Cinco medallas de ouro, a mellor marca mundial do ano e cinco pases ao Campionato do Mundo de Natación de Budapest. Mireia Belmonte é a estrela indiscutible do XVIII Campionato de España Absoluto Open de Natación de Primavera que se está a desenvolver no Complexo Deportivo Rías do Sur e que hoxe martes vivirá a súa última xornada. Pero tamén as nadadoras e nadadores locais están dando o mellor de si como Águeda Cons do Club Natación Galaico que onte acadou a marca que lle abre a porta ao Campionato de Europa Junior de Herzliya (Israel).

O Campionato de Natación está a pór o foco, unha vez máis, sobre Pontevedra que amosa de novo a súa capacidade e competencia para organizar e acoller eventos deportivos de elite que ademais os pontevedreses e pontevedresas arroupan con entusiasmo. Só hai que ver as gradas do complexo deportivo de Pontemuiño cheas de xente de todas as idades que goza da competición.

A aposta polo deporte en xeral e polas competicións de alto nivel e elite supón un revulsivo económico para a cidade. A implicación do Concello neste eido é fundamental. E como mostra o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores achegouse nestes días até Pontemuiños e participou na entrega de distintas medallas, a Mireia Belmonte entre outros.

A repercusión económica dos eventos deportivos é evidente en sectores como o hoteleiro. O Campionato de España Absoluto Open de Natación -no que participan 108 clubs e 349 deportistas- unido ao Open Cidade de Pontevedra Media Maratón de Piragüismo – cunha participación de 675 palistas de 60 clubs- explica a inusual ocupación dos establecementos de Pontevedra a a súa contorna, que roza o 100% nalgúns casos, xusto antes do comezo das vacacións de Semana Santa. O propio sector hoteleiro e hostaleiro en xeral e tamén o comercio local aplauden a aposta polos eventos deportivos e congresuais que fai o Concello polo que ten de desestacionalización da actividade turística e revulsivo económico.