Obxectivo: recuperar a romaría de San Cibrán

301

A comisión de festas de Tomeza marcouse como obxectivo recuperar a tradicional romaría de san Cibrán, onde os romeiros acoden para quitalo meigallo e pasalo ben.

Hai anos a romaría do luns de Pascua era o ramo da Semana Santa para centos e centos de pontevedreses e xente da comarca que ían a pasalo día a San Cibrán, a comer alí a rosca de Pascua, ao tempo que cumprían co rito de tirar as pedras dando voltas a capela ou compraba os ramiños de herbas de san Cibrán. Esta concorrencia é a que se quere recuperar.

Un variado programa de actividades e un importante esforzo de organización, que conta coa colaboración da Concellería do Rural, tratará de pór de novo o foco sobre a romaría. Hai todo un traballo previo e conxunto de adecentamento dos camiños que levan a ermida e do adro da capela. Para quentar motores e coñecer a historia do lugar e as tradicións que lle dan sona haberá unha conferencia a cargo do profesor e antropólogo Rafael Quintia. Será o mércores, día 12 de abril, ás 20.30 horas no Centro social de Tomeza.

Para o domingo, 16 de abril, está prevista unha andaina que partirá ás 10.30 da estación de autobuses e que levará aos participantes polo camiño tradicional até San Cibrán. Agárdase que os participantes tomen nota do roteiro e o día seguinte, 17 de abril, día de San Cibrán repitan a acudan con achegados a romaría.

A música terá un protagonismo central na romaría de San Cibrán. Cinco grupos de música tradicional animarán a festa durante as dúas xornadas de celebración do santo: Os Canteiros de Tomeza, Os Terribles de Nantes, Os Alegres e as bandas de gaitas Airiños de San Xulián e As Chaneiras de Marín. Pola noite será a quenda das orquestras nas verbenas: Jerusalén o Marbella, na noite do domingo e La Oca Band e Os Satélites, o luns.