Luz sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos menores

29
  • O 75,7% tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos e o 85% ten conexión a internet
  • No traballo participaron 2.937 rapaces e rapazas, de 1º a 4º da ESO
  • Este primeiro estudo de carácter global terá continuación a partir de setembro con informes desglosados por sexo, idade, nivel de formación

Preocupados polo uso que fan das novas tecnoloxías os máis novos, os responsábeis do Plan municipal de prevención de condutas adictivas (PMPCA) da Concellería de Benestar Social aproveitaron o traballo que fai cos centros educativos de Pontevedra para facer unha enquisa -cun cuestionario definido e testado pola USC- entre os alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO, rapaces e rapazas de 12 a 17 anos. Coñecer que redes sociais utilizan, o tempo que están na rede, se condiciona ou non a súa vida… son cuestións que trata de aclarar a enquisa a que responderon 2.937 estudantes.

Segundo lembrou a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, o desenvolvemento das novas tecnoloxías, e o seu cada vez máis fácil acceso, provocou un cambio nos costumes, hábitos e actitudes, sobre todo na poboación máis moza xa que naceu practicamente con estes avances. Ofrecen múltiples posibilidades e avanzan a un ritmo imparable (a maioría das novas tecnoloxías, a excepción da televisión, non existían fai 30 años), “considerándose que estamos ante unha revolución tecnolóxica, que é a terceira gran transformación global despois da revolución neolítica e a industrial”.

Cambiaron a vida da poboación adulta, pero o cambio máis espectacular produciuse na poboación máis moza, modificando a súa forma de vivir a infancia e a adolescencia, con dedicacións de tempo e con comportamentos moi diferentes aos dos adultos.

Xorde así o que se denomina xeración-net 2.0, que é a poboación nacida entre 1977-1999 (son a primeira xeración que crece rodeada de videoxogos, ordenadores e Internet). Aparecen as/os nativos/as dixitais, nenos e nenas que teñen as habilidades de facerse con calquera aparato electrónico que pase polas súas mans, e os/as inmigrantes dixitais (Prensky, 2001) que son todas aquelas persoas que teñen que ir intentando dominar as novas tecnoloxías a marchas forzosas para non quedarse atrás, o que leva un gran esforzo de compatibilizar as actividades diarias con este aprendizaxe (Echeburúa, Labrador e Becoña, 2009).

“As novas tecnoloxías, si se empregan de forma adecuada, poden ser ferramentas extraordinarias de información e de comunicación” sinala a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces quen subliña que “o problema xorde cando a tecnoloxía se converte nun fin e non nun medio, e aquí temos o agravante de que a adolescencia constitúe un grupo de risco xa que tende a buscar sensacións novas”

Calquera inclinación desmedida de cara a algunha actividade pode desembocar nunha adicción, exista o non unha substancia química de por medio. A adicción é unha afección patolóxica que xera dependencia, e resta liberdade ao restrinxir la amplitude dos seus intereses. 

O que define a unha conduta adictiva non é tanto a frecuencia coa que se realiza (que soe ser alta), como a perda de control por parte do suxeito, o establecemento dunha relación de dependencia, tolerancia (necesidade progresiva de maiores doses), e a interferencia grave na vida cotiá.

Hai que estar atentos, subliña Carme Fouces pois existen “sinais de alarma” que advirten dun posible uso adictivo das novas tecnoloxías, da existencia dunha adicción:

  • Privarse do sono para estar conectado á rede
  • Decoidar outras actividades importantes (familia, relacións sociais, o estudo, o coidado da saúde…
  • Recibir queixas en relación co uso da rede por alguén próximo como os proxenitores ou irmáns
  • Pensa na rede constantemente, tamén cando non se está conectado
  • Intentar limitar o tempo de conexión e non conseguilo
  • Mentir sobre o tempo que se está conectado ou xogando
  • Illarse socialmente, estar irritable e baixar o rendemento nos estudos
  • Sentir euforia ou unha activación anómala cando se está diante do ordenador

A maioría dos adolescentes son xa grandes expertos en novas tecnoloxías, sendo usuarios de redes sociais, incluso con idades inferiores é idade legal de uso, menores de 14 anos. Algúns incluso afirman que as súas familias son coñecedoras deste uso, e que actúan co permiso dos mesmos.

Datos da enquisa

  • Nº 2.937
  • Idade. De 12 a 17 anos  (idade media: 14,8 anos)
  • Curso. De 1º a 4º da ESO
  • Sexo. 1.476 homes (50,3%) e 1.461 mulleres (49,7%)

Resultados da enquisa

  • 75,7% tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos
  • 30,4% tiveron o seu primeiro móbil con 12 anos
  • 85% teñen conexión a internet
  • 25,4% conéctanse a internet entre 1 e 2 horas diarias
  • 14,2% están conectados a internet todo o día
  • 67,5% navegan por internet sen que os seus proxenitores lles poñan limitacións
  • 24,9% entraron en páxinas con contidos eróticos nos últimos 12 meses
  • 7,3% apostaron en xogos on line nos últimos 12 meses
  • 35,6% contactaron con descoñecidos por internet nos últimos 12 meses (o 22,7% menores de 14 anos)
  • 16,7% quedaron con persoas que coñeceran exclusivamente a través de internet nos últimos 12 meses
  • 23,2% bastantes/moitas veces descoidan tarefas escolares ou renden menos en exames por contectarse a internet
  • 26,1% bastantes/moitas veces tiveron a sensación de que si no se conectaban a internet estaban perdendo algo realmente interesante
  • 14,8% bastantes/moitas veces conectáronse a internet aínda que sabían que lles ías a causar problemas.
  • 17,1% bastantes/moitas veces dixeron ou fixeron cousas en internet que  non farían ou dirían en persoa

En España a Lei de Protección de datos non permite aos menores de 14 anos acceder ás redes sociais e inda asi:

  • 93,3% usan whatsapp (o 89,2% menores de 14 anos)
  • 77,2% usan instagram (o 68,4%  menores de 14 anos)
  • 54,7% usan snapchat (o 42,7% menores de 14 anos)
  • 51,2% usan messenger (o 44,4% menores d e14 anos)
  • 49,2% usan facebook ( o 34,9% menores de 14 anos)
  • 45,1% usan twitter (o 27% menores de 14 anos)
  • 31,8% usan tuenti (o 14,6% menores de 14 anos)

Co debuxo que deixa a enquisa, a Concellería de Benestar Social púxose a traballar xa no eido do uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes. Organizará un primeiro curso de formación dirixido ao profesorado co fin de que  podan detectar e combater a posible adicción dos seus alumnos ás novas tecnoloxías. Desenvolverase no mes de maio e estará homologado pola Xunta.

Este primerio estudo global terá continuidade a partir do mes de setembro cun estudos desglosado por sexo, idade, nivel de formación…