O Salón do Libro entre os finalistas da Gala do Libro Galego 2017 na categoría de Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

4
  • A Gala do Libro Galego é unha iniciativa conxunta da Asociación de escritores/as en Lingua Galega (AELG) a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
  • Os/as gañadores/as – escollidos/as por un xurado externo- serán desvelados o 20 de maio nunha gala festexada no Teatro Principal

A organización do Salón do Libro coñecía onte a súa nominación para ser recoñecida pola Gala do Libro Galego 2017 na categoría de Iniciativa cultural ou de fomento da lectura. Este galardón – outorgado conxuntamente pola Asociación de escritores/as en Lingua Galega (AELG) a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia  ten a finalidade de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galiza en 11 categorías: Ensaio, narrativa, literatura infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.

Durante anos, as 3 asociacións outorgaban recoñocementos individualmente pero dende hai dous anos – esta é a 2ª edición- fano conxuntamente. Cada unha delas, mediante votación interna, escolle os seus finalistas para cada categoría. A listaxe final de candidatos/as, revelada onte, é froito da posta en común.

A escolla pública, a través dun xurado externo, terá lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago nunha gala na que estarán presentes diferentes autoridades e axentes do ámbito político, social e cultural do noso país.

Mafiestamos o noso agradecemento e enorme ledicia de optar a este premio e de que o fagan tamén amigos e compañeiros como o grandísimo Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Ramón Rozas, Susana Pedreira, Oscar Villán e Jacobo Fernández Serrano, a Libraría Paz polo seu ‘Vermú entre libros’ e as diferentes editoriais que colaboran cada ano con nós.