Primeiro paso na unificación dos servizos de información turística

92
  • Concello e Deputación comparten espazo no Palacete das Mendoza e agardan a incorporación do servizo de información da Xunta

“Dimos un primeiro paso importante que pode animar tamén á Xunta a unificar o seu servizo de información ao visitante”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, compareceu coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, no Palacete das Mendoza onde dende agora comparten espazo as oficinas de información turística municipal e provincial.

A Concellería de Promoción Económica e da Cidade e Turismo Rías Baixas levan tempo traballando na unificación dos puntos de información turística, a definición do destino e a coordinación da súa promoción. A entrada da oficina municipal da praza de España no Palacete das Mendoza é un primeiro paso que acredita o camiño de cooperación elixido.

“Agardamos que todas as administracións se unifiquen co fin de facilitar a todas as persoas que se acercan a Pontevedra a mellor información” indicou o alcalde quen engade que Pontevedra “é un destino completo e complexo” que abrangue a cidade, ás Rías Baixas e toda Galiza, “onde hai praia, patrimonio histórico, patrimonio natural, patrimonio arquitectónico, modelos urbanos e o Camiño Portugués”.

“Nesta liíña a tendencia ten que ser a coordinarnos todos, ofertar dun xeito coordinado con Turismo Rías Baixas, con outros actores como a Mancomunidade de Salnés, con Vigo…. temos que coordinarnos con Tour Galicia” subliñou o alcalde, quen confía en dar este paso ao ter constancia de que a Xunta ten interese.

O Concello mellorará a sinalización do Palacete das Mendoza co fin de dirixir o fluxo de visitantes dende as estacións de autobus e tren e os aparcamentos disuasorios.

Ás portas da Semana Santa, as perspectivas turísticas son moi favorables con unha ocupación que rozará nalgúns casos o 100%. Na cidade a coincidencia de eventos deportivos (Open Media Maratón de Piragüismo e Campionato de España Absoluto Open de Natación) elavou a ocupación hoteleira a niveis propios dunha tempada alta, a que se prevé nos próximos días.